O deportivismo vibrou en Río de Janeiro coa vitoria en Ferrol
O deportivismo vibrou a máis de 8.000 quilómetros de distancia co triunfo de Os Nosos ante o Racing de Ferrol.
A Casa de España en Río de Janeiro foi o epicentro dunha xornada inesquecible para a numerosa comunidade galega residente en Brasil.
Alí proxectouse en directo o partido do Dépor na Malata. Houbo cánticos durante os 90 minutos e alegría desbordada co gol de Yeremay e nada máis pitar o colexiado o final do encontro; e moita emoción co himno galego que soou antes de arrincar o encontro nos máis de 200 asistentes.
Ademais houbo sorteo de merchandising do Club, unha comida típica galega e un partido de fútbol sala.
Nunha clara chiscadela a esta histórica xornada, os deportivistas xogaron co equipamento amarelo 'A DÉ Brasil' que simboliza esta importante xira promocional do RC Deportivo, 'DÉ x Brasil', nunha das grandes potencias futbolísticas mundiais.