Samara Ortiz Cruz (Madrid, 16 de xullo de 1997) formará parte do Deportivo ABANCA dúas campañas máis, ao ampliar o seu compromiso até xuño de 2026.
Samara, que xoga como lateral por calquera dos dous costados, acaba de pechar a súa segunda temporada nas filas do Dépor ABANCA, co que logrou o ansiado ascenso á Liga F despois de tres temporadas no segundo chanzo do fútbol nacional.
A futbolista madrileña participou en 52 dos 63 partidos que disputou o conxunto branquiazul durante estas dúas campañas, 37 deles como titular. Samara xogou 46 choques de Primera Federación Iberdrola, 2 de Copa de la reina e 4 de playoff de ascenso a Liga F.
A xogadora chegou ao Deportivo ABANCA no verán de 2022 procedente do Brøndby IF danés. Na súa primeira campaña en Dinamarca disputou 10 partidos de Liga, na que o Brøndby IF concluíu na terceira praza, e foi titular nos 2 encontros do seu equipo na rolda previa da Champions League, ante o Kristianstads DFF sueco e o 1. FC Slovácko Ženy checo.
A carrilera madrileña formouse no Rayo Vallecano, onde comezou a xogar con só 7 anos. Posteriormente fichou polo CD Canillas (2013-2016), antes de dar o salto ao CD Tacón. No conxunto que deu orixe ao Real Madrid CF feminino militou entre 2016 e 2020, logrando o ascenso á máxima categoría en 2019. Samara tamén formou parte do primeiro cadro da historia madridista, no curso 2020-2021. Nas súas dúas campañas na división de honra participou en 19 partidos (14 como titular) nos que marcou 1 gol.
De pai español e nai cubana, Samara foi internacional sub-19 por Acerbaixán, xa que obtivo a dobre nacionalidade trala chegada da madrileña Patricia González á federación azerí en 2014 para poñer en marcha o desenvolvemento do fútbol feminino.
Samara é a terceira renovación no primeiro equipo feminino do Club tralas de Paula Gutiérrez, o pasado mes de marzo, e a de Cris Martínez, asinada a pasada semana, ambas igualmente até xuño de 2026.