Un Dépor "partido a partido e sen obxectivos a longo prazo" inicia unha nova semana con final en ABANCA-RIAZOR ante o FC Cartagena
O Dépor, hoxe martes con xornada de descanso após unha noite completa na estrada de regreso de Castellón, inicia mañá mércores 19 de marzo unha nova semana de competición que concluirá o domingo 23 de marzo ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion) en ABANCA-RIAZOR ante o FC Cartagena.
Os resultados da última xornada, co empate onte luns no Estadio SkiFi Castalia, deixaron a Os Nosos na 12ª posición de LaLiga Hypermotion con 41 puntos.
Pablo Vázquez, na zona mixta, indicou que "temos que mirar ao que hai por detrás. Hai un tren moi grande de equipos loitando polo mesmo e nós estamos centrados en gañar todos os partidos".
Asegura o defensor deportivista que "o noso foco é só o FC Cartagena, tentar dar unha vitoria a #ANOSAFORZA en ABANCA-RIAZOR, coller aire e distancia co que marca o descenso. O noso camiño é ir partido a partido sen obxectivos a longo prazo".
Jose Ángel só quere mirar ao FC Cartagena "para sacar 3 puntos en casa, con #ANOSAFORZA e así ver con bos ollos o punto conseguido en Castellón".
Óscar Gilsanz dispuxo 4 sesións matinais en Abegondo antes do encontro, con almorzo e comida para o cadro cada día na propia instalación.
O técnico deportivista espera "poder ir recuperando algún efectivo. Perdemos a Dani Barcia (que será sancionado ao recibir o seu 5º cartón amarelo) pero temos xogadores no equipo con nivel e desexando participar para manter esa seguridade defensiva".
A planificación semanal, sempre susceptible de sufrir variación por razóns técnicas, é a seguinte:
Mércores 19 de marzo 11:00 h.
Xoves 20 de marzo 11:00 h.
Venres 21 de marzo 11:00 h.
Sábado 22 de marzo 11:00 h.
Domingo 23 de marzo 18:30: Deportivo - FC Cartagena, en ABANCA-RIAZOR