RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
RCDEPORTIVO

A Deputación e o RC Deportivo renovan a súa alianza para promocionar a provincia da Coruña como destino turístico

A Deputación da Coruña e o RC Deportivo fixeron pública esta mañá en Abegondo a renovación da súa alianza para promocionar a provincia da Coruña como destino turístico.

O presidente do organismo provincial, Valentín González Formoso, e a vicepresidenta do RC Deportivo Michelle Clemente xunto ao conselleiro delegado do Club Massimo Benassi confirmaron esta colaboración nun acto na Cidade Deportiva acompañados polos futbolistas Diego Gómez, Dani Barcia, Vera Martínez e Alejandra Vázquez para destacar o apoio da Deputación tanto ao equipo masculino como ao feminino, o Deportivo ABANCA.
 
Así pois, os pantalóns dos equipamentos de ambos os conxuntos seguirán lucindo o lema "A Coruña, unha provincia por descubrir", unha presenza que se estenderá tamén en diferentes formatos de publicidade de promoción institucional dentro do estadio e nas instalacións e eventos do Club deportivista.

Esta alianza estreita aínda máis se cabe os lazos entre o RC Deportivo e as institucións coruñesas. O club achegará a súa pegada no territorio e o seu impacto social no terreo deportivo para promocionar a provincia coruñesa dentro e fóra de Galicia durante a temporada 2024-25.

"Con esta alianza queremos recoñecer e poñer en valor o sentimento que a cidade e a provincia da Coruña teñen co Deportivo, coa súa gran historia deportiva e tamén co seu futuro", afirmou o presidente da Deputación.

Pola outra banda, Massimo Benassi, conselleiro delegado do RC Deportivo, afirmou que "estamos encantados de recibir este apoio e de que, por segundo tempada, podamos levar á provincia e á Deputación na nosa indumentaria, tanto no equipo masculino como no feminino, que para nós é un proxecto fundamental. Que sexa por moitas tempadas máis porque para nós poder colaborar coas institucións é fundamental".