RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Vera Martínez, após a súa renovación, asegura "sentir o Club coma se fose a miña casa"

Vera Martínez compareceu na sala de prensa de Abegondo confirmada a súa renovación polo Dépor ABANCA até xuño de 2026.

En primeiro lugar Kevin Cabado, responsable das Nosas, subliñou que "aínda que leva pouco connosco parece que leva moitas temporadas. Encaixou no grupo desde o primeiro momento, sentiu o deportivismo como seu e a importancia vese en que disputou todos os minutos na Liga F sendo das poucas xogadoras que en facelo".

Confesa que "estamos moi orgullosos de que siga connosco e de que máis aló do futbolístico representa uns valores humanos que queremos que estean presentes no vestiario do Dépor ABANCA" e "oxalá podamos estar aquí máis veces para anunciar que segue connosco".

Pola súa banda, Vera Martínez confesa estar "moi feliz de poder estar aquí un ano máis. Foi unha decisión fácil. É un club onde encaixei ben tanto coas compañeiras como cos corpos técnicos que estiveron".

Asegura "sentir o Club coma se fose a miña casa e así o tento demostrar cada fin de semana". "Sentir que estaba en casa, que non me faltaba nada, que tiña o apoio por todas as partes e logo no campo adestrando cada día ou nos partidos teño a oportunidade de aprender, de gozar e de seguir crecendo. Iso é o que che fai sentir como en casa", engadiu.

A central branquiazul explica que "loita día a día" por esa continuidade no once e "grazas á confianza que pon en min podo gozar diso".

Vera admitiu que esta temporada "estabamos nunha dinámica que era a que non desexabamos pero o grupo estaba unido, saïamos a adestrar cun sorriso e iso fai que consigamos o que estamos a conseguir agora".

Márcase como obxectivo "seguir moitos máis anos aquí e este ano poder seguir aquí en Liga F. E os anos seguintes ademais de manternos, mirar cara arriba; e conseguir títulos con este escudo e esta camiseta".

Finalmente do partido ante o Athletic, rival este domingo 30 de marzo ás 12:00 (Dazn, Gol Play e TVG) en Lezama, espera un "partido moi competido como todos en Liga F. Todos os rivais son difíciles. Temos que afrontalo como todos os anteriores, facer o que sabemos, o que traballamos día após día, seguir ensinando a imaxe de equipo que damos cada fin de semana. E con iso saen os resultados".