O Deportivo arrincou a semana de traballo cunha dura e longa sesión esta mañá en Abegondo, a primeira antes da próxima cita ligueira, a visita do Pontevedra CF a ABANCA-RIAZOR prevista para o domingo 18 de setembro ás 19:00 horas (TVG-2 e InStat.tv) en partido correspondente á 4ª xornada en Primera Federación.
Após o almorzo, o cadro reuniuse na sala de vídeo da instalación para unha análise con imaxes do partido da pasada fin de semana en Mérida.
Vinte minutos máis tarde, Álex Canosa, readaptador do primeiro cadro, dirixiu unha tarefa de mobilidade na propia bancada de Abegondo.
Xa sobre o céspede, e despois dun quecemento con rondos, Luis Fandiño e Sergio Roca supervisaron un circuíto de forza.
Cun exercicio táctico defensivo e con fútbol reducido, de alta intensidade, finalizou a intensa xornada no campo, por encima das dúas horas de duración.
Un dos futbolistas con máis peso no vestiario a pesar da súa mocidade, Diego Villares, en rolda de prensa recoñeceu que as transicións do AD Mérida "foi o factor que máis nos complicou, as que nos buscaban eles con esa xente descolgada. Aí temos que estar atentos nas vixilancias. Traballarémolo estes días para mellorar un pouquiño".
Nesta liña, admitiu que "creando tanto xogo ofensivo é normal que che collan nalgunha. Esta fin de semana (en Mérida) estivemos máis desacertados do habitual. Con eses balóns que perdiamos en tres cuartos sen acabar xogada, eles tiñan máis facilidade para correr. Sobre todo coidar as vixilancias e finalizar as xogadas ou non perder eses balóns en tres cuartos", apuntou como receita o xogador de Vilalba.
Borja Granero é o único futbolista, a día de hoxe, con adestramento personalizado no ximnasio.
Marc Lachèvre, nalgunha das tarefas, foi o representante de #ANOSACANTEIRA esta mañá no primeiro equipo.
Mañá xoves 15 de setembro o equipo trasládase a ABANCA-RIAZOR a partir das 10:30 para esbozar xa o plan de partido da fin de semana.