O Dépor ABANCA, após un partido no que "non estivemos ben", cae ante o RCD Espanyol en casa
Un gol no remate dun córner no minuto 38 provoca a derrota do Dépor ABANCA esta mañá en ABANCA-RIAZOR (0-1) ante o outro equipo recentemente ascendido á Liga F.
Con este resultado, As Nosas quedan con 6 puntos e un partido menos na 15ª posición.
Irene Ferreras móstrase autocrítica e concreta que "hoxe non estivemos ben, non conseguimos plasmar no campo as cousas que pretendiamos. Non estivemos gañadoras de duelos nin activas en vixilancias de segundas xogadas".
O choque comezou con igualdade entre ambos os conxuntos. Aos 9 minutos de encontro, F. Lara asinou o primeiro achegamento deportivista a través dun centro-chute que atallou Salvador sen problemas. Con todo, tan só un minuto despois, Inês tivo que empregarse a fondo para sacar unha gran man abaixo e evitar o primeiro gol visitante ao remate dun córner.
No 22, Inês volveu protagonizar unha magnífica intervención para sacar un disparo proveniente da frontal. Millene contestou cinco minutos despois cun disparo moi potente desde o pico da área, que se marchou alto.
A través dun saque de esquina, no minuto 38, Ainoa adiantou ás catalás cun croque imposible para Inês.
Ao fío do ecuador, Paula tivo que ser intervida após un duro lance que, afortunadamente, non resultou en nada. Co balón parado após a mesma falta, concluíron os primeiros 45 minutos.
Á volta de vestiarios, Irene Ferreras axitou a árbore e introduciu a Henar e Olaya no terreo de xogo por Eva Dios e ADT. O equipo reenganchouse rápido ao partido e aos 4 minutos xerou o seu primeiro córner.
Aínda con mellores sensacións após a volta do descanso, o partido non atopaba un dominador claro e o gran número de faltas restaban fluidez ao encontro. No 68, após unha boa xogada individual, Millene probouse de lonxe, pero o disparo careceu da potencia suficiente para complicar a Salvador.
Nos tramos finais de encontro, Michi Apóstol estreouse co primeiro equipo en Liga F e Oriana Altuve pechou os cambios do Dépor ABANCA en busca do empate. O cadro deportivista envorcouse en ataque, especialmente nos 7 minutos de engadido. Con todo, o Espanyol puido conter a pegada deportivista e o tres puntos escapáronse de ABANCA-RIAZOR.
Dépor ABANCA: Inês, Vera, Paula G., Eva Dios (Olaya, min. 46), ADT (Henar, min. 46), Millene, Ainhoa (Michi Apóstol, min. 78), Raquel G., F. Lara, Lucía (Bárbara, min. 60), Cris M. (Oriana, min. 84).
RCD Espanyol: Salvador, Mar, L. Chamorro (Angeles, min. 84), Iara (Lucía, min. 72), L. Ballesté, Paula P. R., Carol, Ainoa (Amanda, min. 60), Guerra, Caracas, Aparicio (Judit, min. 72).
Árbitra: Andrea Fírvida, do colexio aragonés, amoestou ás visitantes Carolina, Ainoa Campo, Júlia Guerra e ás locais Ainhoa e Henar.
Gol: 0-1 Ainoa (min. 38)
Incidencias: Partido correspondente á xornada 10 da Liga F, disputado en ABANCA-RIAZOR ante 1.412 asistentes.