O Dépor ABANCA (3-0) volve a Abegondo ao grande e resolve de maneira contundente a eliminatoria ante un rival de Liga F con goles de ADT e Oriana.
Os primeiros compases de encontro foron dominados polas Nosas. A presión alta e a intensidade provocaron que a maioría do xogo fóra no campo das andaluzas.
Olaya anotouse a primeira ocasión ao tres minutos de partido cun golpeo de fóra da área que se marchou alto por pouco. No 16, Eva Dios tivo a mellor até o momento cun disparo desde a frontal e ao tres minutos, ADT fixo o propio ao que Noelia respondeu cunha boa intervención.
As deportivistas atopábanse moi cómodas ante a súa afección e froito desas boas sensacións chegou o primeiro gol, baixo a firma de Ana de Teresa no minuto 22, após un balón morto na área pequena que mandou ao fondo da rede.
O Dépor ABANCA soubo aproveitar a súa superioridade e asestou o segundo golpe á media hora, após un centro raso de Bárbara que non perdoou Oriana. Pouco despois, o equipo puido aumentar distancias a través dunha tripla ocasión, Lucía complicou a Noelia cun disparo afastado e o rexeite recolleuno Bárbara, que tamén se topou coa porteira visitante e finalmente, Altuve enviou fóra o coiro.
Con moi boas sensacións e uns últimos minutos de solidez defensiva, o ecuador chegou a Abegondo con 2 goles a 0 no luminoso.
O segundo tramo comezou con maior igualdade, aínda que as de Irene Ferreras seguían conservando mellores sensacións que o Betis. No 63, Bárbara anotouse un novo duelo con Noelia, que volveu gañar a gardameta por pouco.
Nos últimos 25 minutos comezou a fase de cambios para ambos os conxuntos, a cal sentou mellor ao equipo herculino. A pesar de ser o tramo do partido con maior igualdade, a solidez atrás e a velocidade arriba facían ao Dépor ABANCA estar un paso por encima.
Unha boa xogada individual que acabou alto no minuto 83 de Ainhoa a punto estivo de facer o terceiro.
Finalmente, cando parecía que o encontro ía concluír, un slálom de revista por banda dereita de Ainhoa ía derivar e un agasallo para Olaya, que non fallou e impuxo o definitivo 3 a 0.
As Nosas baten a un rival de Liga F con solvencia e pasan a oitavos de final.
Betis Féminas: Noelia, Santoro (Naima, min. 66), Roberts, Nuria, María Ruiz, Cameron (Alba, min. 66), Zouhir (Carla, min. 54), Kalu (Ronsel, min. 66), Julia (Carolina, min. 66), Marina, Blanca.
Dépor ABANCA: Yohana, Vera, Eva Dios (Paula, min. 76), ADT (Millene, min. 88), Altuve (Marina, min. 76), Olaya, Raquel, Bárbara (Ainhoa, min. 66), F. Lara, Lucía, Cris M (Samara, min. 46).
Árbitra: Elisabeth Calvo, do comité madrileño, amoestou ás visitantes Cameron e Kalu.
Goles (3-0): ADT, min. 22, 1-0; Oriana, min. 30, 2-0; Olaya, min. 90, 3-0.
Incidencias: Partido correspondente á terceira rolda de Copa de la Reina fronte ao Real Betis Féminas en Abegondo.