ABANCA-RIAZOR, o primeiro estadio con eventos accesibles a invidentes grazas ao proxecto municipal e deportivista "Escoita"
O Concello da Coruña e a Fundación do Real Club Deportivo, coa colaboración do ONCE, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, a Universidade da Coruña e a Facultade de Ciencias da Comunicación, así como diversos medios locais do ámbito da prensa escrita, radiofónica e de televisión, impulsaron a posta en marcha do proxecto Escoita, desenvolvido polo deportivista Jesús Suárez co único obxectivo de que as persoas con discapacidade visual poidan gozar dos eventos deportivos igual que calquera outro espectador.
Após meses de traballo e probas piloto no Estadio Abanca-Riazor e no Palacio dos Deportes coruñés, este proxecto pioneiro para os estadios de fútbol e eventos deportivos en directo en xeral, ponse en marcha no partido que terá lugar o sábado e que disputarán o RC Deportivo e Las Palmas a partir das 18:15 h.
Escoita axuda a eliminar barreiras e permite a accesibilidade plena, acorde cos obxectivos de desenvolvemento sustentable do Real Club Deportivo e o Concello da Coruña.
Mediante dispositivos PMR (redes de radiocomunicaciones privadas), e grazas aos locutores de audio descrición que narrarán os partidos desde as cabinas do Estadio, aqueles deportivistas que sufran problemas de visión poderán sentir a emoción do partido en igualdade de condicións que o resto de afeccionados.
Para solicitar o uso do dispositivo Escoita só hai que remitir un correo electrónico a asistide@rcdeportivo.es a través do que se xestionará a entrega e recollida de dispositivos antes e despois do partido.
Grazas ao impulso da Concellaría de Deportes do Concello da Coruña o proxecto materialízase desde esta fin de semana e no futuro ampliarase a outros eventos como os partidos do Deportivo Liceo ou o Básquet Coruña no Palacio dos Deportes de Riazor.
O proxecto Escoita englóbase dentro dos proxectos de accesibilidade e inclusión que, xunto a asistiDE ou Destino Dépor desenvolven a Fundación do Real Club Deportivo e o Club respectivamente.