RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Beauvue dálle a volta ao paripé (2-1)

O Deportivo impúxose ao CF Fuenlabrada grazas a dous goles nos últimos minutos, ambos os obra de Claudio Beauvue, que serviron para dar a volta ao tanto inicial de Pathé Ciss, no primeiro disparo do cadro madrileño.

O CF Fuenlabrada finalmente presentouse en ABANCA-RIAZOR con só 13 futbolistas, 7 profesionais (o mínimo exixible por regulamento) e 6 con ficha do filial.

O dominio do Dépor, con longas posesións de balón, caracterizou os primeiros compases. Até o que na primeira chegada do Fuenlabrada, o equipo madrileño abriu o marcador. Unha dubidosa falta de Vicente Gómez sobre Alberto xogouna en curto o conxunto fuenlabreño, para o disparo do propio Alberto que despexou Jovanović. O rexeite o empalmou Pathé Ciss, o coiro rozou en Mujaid e bateu ao porteiro deportivista.

O primeiro disparo do Deportivo saíu de botas de Borja Valle. O balón perdeuse á esquerda da portería visitante. Corría o minuto 17.

Ao fío da media hora, Jovanović estivo rápido para saír aos pés de Jeisson, que quedou man a man co porteiro branquiazul e cun compañeiro á beira. Con todo, o peruano adiantouse demasiado o control e deu a oportunidade a Jovanović de arrebatarlle o esférico. Segundos despois, Aketxe respondeu cun frouxo dereitazo que, aínda así, Ruvira só foi capaz de deter en dous tempos.

Máis potente foi, cinco minutos despois, o dereitazo de Borja Valle. Ruvira esta vez puxo as súas mans para desviar o coiro cara á súa dereita e evitar que quedase morto na área, onde pululaban Sabin Merino e Beauvue. O propio dianteiro francés tivo a última oportunidade do primeiro período, cando non chegou por moi pouco a un centro raso de Aketxe desde a esquerda. Pathé Ciss despexou á desesperada, evitando que a pelota chegase ao segundo pau, e o balón golpeou no dianteiro deportivista antes de perderse pola liña de fondo, preto do pau dereito do marco madrileño.

A segunda metade arrincou sen cambios e cunha potente volea de Sabin Merino, desde a dereita do ataque coruñés, que se perdeu por riba do traveseiro.

Foi o anticipo dun tempo complementario dunha soa dirección, pois o Dépor envorcou o campo por completo cara á portería do Fuenlabrada. As ocasións sucedéronse, unha após outra: un dereitazo de Aketxe por baixo que Ruvira sacou a córner (minuto 51), unha falta directa do mediapunta vasco que saíu rozando o traveseiro (minuto 59), unha cabezada de Vicente Gómez completamente só na área pequena a centro de Valín (minuto 61)...

No minuto 62, Fernando Vázquez, de novo sentado en Tribuna Superior por sanción, realizou un triplo cambio que axudou a acrecentar aínda máis o dominio herculino coa entrada de Hugo Vallejo e Mollejo nas bandas en lugar de Valín e Salva Ruiz.

As oportunidades caían unha após outra. No minuto 63, Sabin Merino sacou achas do pau dereito, ao cabecear un córner lanzado por Aketxe. O propio Aketxe buscou, dous minutos despois, a cepa do pau esquerdo da portería do Fuenlabrada. Co Dépor envorcado, o equipo visitante tivo a súa opción de ampliar distancias, pero desperdiciouna. Jeisson foise practicamente só ao contragolpe pero o seu disparou desbaratouno Jovanović nunha gran intervención.

Unha vez máis Aketxe, nun duro disparo rexeitado por Ruvira após triangular con Gandoy (minuto 69) e Borja Valle noutra cabezada nun córner que se foi alta (minuto 71) acariñaron o gol, que chegou, curiosamente, de rebote, no minuto 84. Foi nun centro desde a dereita de Aketxe que Ruvira despexou de puños. O balón pegou no rostro de Beauvue, que entraba ao remate con Sabin Merino, e introduciuse na portería madrileña.

Tres minutos máis tarde, Mollejo dispuxo doutro remate de cabeza, só no segundo pau, noutro saque de esquina lanzado por Aketxe. O '10' deportivista tivo o 2-1 xa no tempo engadido, despois dun primeiro intento de Hugo Vallejo. O coiro quedou solto na media lúa pero o canonazo do vasco foise por riba do traveseiro.

Nos últimos instantes do tempo engadido, o VAR, Milla Alvendiz, asistiu a Díaz de Mera Escuderos após unha acción na área madrileña na que interviñan Hugo Vallejo e José Fran. O colexiado manchego acudiu á RRA (Referee Review Area) a ver el mesmo as imaxes, para sinalar inmediatamente o punto fatídico. Beauvue, trala súa viaxe de máis de 5.000 quilómetros, asumiu a responsabilidade para, após enganar ao gardameta visitante, dar a vitoria ao Dépor. Apenas houbo tempo para máis e o colexiado sinalou o camiño dos vestiarios.

RC Deportivo: Jovanović, Valín (Hugo Vallejo, min. 62), Mujaid, Álex Bergantiños, Montero (Gandoy, min. 62), Salva Ruiz (Mollejo, min. 62), Borja Valle (Keko Gontán, min. 82), Vicente Gómez, Aketxe, Sabin Merino e Beauvue.

CF Fuenlabrada: Ruvira, Dani Fernández, Pathé Ciss, Peteiro, José Fran, Alberto (Guti, min. 83), José Rodríguez, Clavería, Nteka, Jeisson e Caye Quintana.

Goles: 0-1 Pathé Ciss (min. 11); 1-1 Beauvue (min. 84); 2-1 Beauvue, de penalti (min. 90+5).

Árbitro: Díaz de Mera Escuderos (c. castelán-manchego). Cartón amarelo a Aketxe (min. 2), Borja Valle (min. 39) e Nteka (min. 42).

Incidencias: Estadio ABANCA-RIAZOR, a porta pechada debido á pandemia do Covid-19.