En vista do sucedido e as posibles consecuencias que estes acontecementos poidan carrexar para a competición e o noso Club, o cadro do Real Club Deportivo quere expor o seu punto de vista:
Onte luns 20 o equipo preparou o partido con total normalidade. O encontro íase disputar ás 21:00 h. en horario unificado. Así se decide, entendemos, pola boa saúde da competición, para non axudar ou prexudicar a cada un dos equipos que, nese momento, comparten obxectivos co Fuenlabrada e o Deportivo.
Sobre as 19:30 h., coincidindo coa nosa chegada ao vestiario, salta a noticia dos positivos por COVID no Fuenlabrada e a posible suspensión de partido, que se confirma máis tarde.
Durante ese tempo, antes da disputa dos partidos, e coa información da que se dispuña neses momentos, alertamos ao Director de Partido de LaLiga do atropelo que podería supor a non anulación da xornada para a integridade dunha competición que pasaría a estar adulterada.
Ao mesmo tempo pronunciáronse, de igual maneira, varios capitáns de diferentes clubs, os propios clubs e a AFE. Entendemos que a solución pasaba por pospor a xornada, como xa se fixese o ano pasado pola desgraciada morte dun compañeiro, e non pola solución chafalleira e precipitada que se acabou adoptando.
Por tanto, para nós, todo o sucedido desde o anuncio de suspensión do noso partido e non do resto da xornada, non ten ningunha validez á hora de determinar o desenlace dunha competición que debe decidirse sempre en igualdade de condicións.