RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Diego Villares advirte da igualdade que hai en todos os partidos de LaLiga Hypermotion

Diego Villares pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.

Un dos capitáns do primeiro equipo chancea ao afirmar que "non é un mal comezo" de liga o partido deste sábado 17 de agosto ás 19:00 horas en ABANCA-RIAZOR (LaLiga TV Hypermotion e Movistar+) ante o Real Oviedo: "Vai ser un dos fortes da categoría, xa o vimos o ano pasado. Entón é unha boa pedra de toque para empezar".

Subliña desta categoría "a igualdade que hai en todos os partidos. Con calquera equipo pódesche deixar cousas ou podes sacalas. É unha liga moi igualada na que a diferenza de puntos é moi pequena entre a parte alta e a baixa".

Así pois, é consciente dunha subida de nivel "importante": "Iso sempre sempre é así e sabémolo, pero afrontámolo da mellor maneira posible e de momento con tranquilidade. Igual cando chegue o inicio si que hai un pouquiño máis de nervios", engade.

Asegura que a adaptación das novas incorporacións "está a ser excelente. Todos se están adaptando á perfección"; e espera que Helton Leite, o último en chegar, "vaia polo mesmo camiño, que creo que vai ser así".

Iso si, o centrocampista lucense lembra que a temporada pasada "tiñamos un cadro coa maioría de xente experimentada na categoría. Entón tamén é importante darlle confianza a esa xente que nos levou até aquí".

A nivel persoal, e ante o seu debut en Segunda División, indica que "é moi bonito despois de tantos anos tentándoo, por fin pódoo conseguir. É algo que para min tamén era importante e afróntoo con moita ilusión".

Non se marca Villares un número de partidos e si "seguir crecendo e sobre todo axudar ao equipo a facer unha boa temporada".

Finalmente, a meta do Dépor "irémola ditaminando a medida que pasen as xornadas e vendo ao que pode aspirar o equipo".