Lucas Pérez refírese na súa despedida a "unha situación persoal difícil" e a "un desgaste emocional pola miña banda"
Lucas Pérez despediuse este mediodía do Deportivo nunha multitudinaria rolda de prensa en ABANCA-RIAZOR.
Con puntualidade suíza, o capitán deportivista foi recibido ás 14:00 horas polos seus compañeiros, técnicos, xogadoras do Dépor ABANCA, empregados do Club e membros de ANOSACANTEIRA (técnicos e xogadores) cun corredor desde a propia banda de ABANCA-RIAZOR á sala de prensa.
Nos videomarcadores do estadio e na 'U' televisiva podíase ver a creatividade coa que o Club anunciaba nas súas canles oficiais a despedida do futbolista coruñés.
Sentados en primeira fila agardaban o Consello de Administración do Club encabezado pola vicepresidenta Michelle Clemente.
Antes de empezar a responder as preguntas dos medios, nunha pantalla reproduciuse o vídeo con algúns dos emocionantes momentos vividos por Lucas nesta a súa terceira etapa no Dépor.
Lucas Pérez desvelou que "levo uns meses pasando por unha situación persoal difícil e tomei unha decisión que creo que é a mellor para ambas as partes".
Referiuse a "a persoa que máis quero neste mundo, que vai cumprir 2 anos. É un dos motivos principais porque a miña avoa me educou que a familia é o primeiro nesta vida".
Confesou non sentirse "moi cómodo. Como sempre dixen, viñen para axudar e creo que é o momento de coller e marcharme tranquilamente polo ben do Club".
O xa ex dianteiro deportivista cualifica estes dous anos no Dépor como "marabillosos, cos seus momentos bos, momentos malos. Hai un desgaste emocional pola miña banda".
Lucas Pérez apunta que "cando eu cheguei a este Club había moitos déficits, que non os vou a dicir eu porque todos o sabedes. Agora o Club está nunha situación privilexiada. Conseguimos entre todos unha estabilidade que é moi boa. Temos un propietario ao que lle dou tamén as grazas desde aquí porque foi unha persoa moi próxima desde o primeiro día que cheguei; e demostroume tamén o seu apoio e o seu agarimo por todo este tema que sucedeu".
"O meu granito de area achegueino. Dixen que viña para axudar desde o primeiro momento. Creo que axudei, aínda que fose un pouco; e voume coa conciencia moi tranquila", subliñou.
A rolda de prensa concluíu coa entrega dunha camiseta a Lucas Pérez a cargo de dous canteiráns coa lenda 'Grazas capitán" gravada nas costas.
Antes de saír do estadio, o ex capitán foi ao seu asento na bancada de Tribuna para, acompañada de Michelle Clemente, descubrir unha placa conmemorativa na que figuran as temporadas que vestiu a camiseta do Dépor.