A Fundación RC Deportivo activa o programa de voluntariado para a xornada de LaLiga Genuine con sede na Cidade Deportiva de Abegondo o próximo 15 e 16 de marzo.
Os interesados en querer formar parte do evento, a condición de que sexan maiores de 18 anos, deberán encher o formulario actualizado para esta temporada picando aquí.
Programa de voluntariado
O programa de Voluntariado do Dépor é unha aposta da Fundación RC Deportivo no seu compromiso de cambio social, animando así a todos os que forman parte da gran familia do Deportivo a crear alianzas colaborativas e impulsar a solidariedade.
Este programa, que forma parte do Voluntariado Galego da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, cumpre cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) para a axenda 2030 de Nacións Unidas, que non son outros que xerar impactos positivos na nosa contorna, conseguindo que todas as persoas vinculadas ao Club e á súa Fundación teñamos máis presenza na sociedade e que cada día podamos devolverlle todo o que esta nos dá. Con esa paixón e con esas ganas de axudar promovemos a participación de persoas empregadas, socias, accionistas, afeccionadas, institucións e colaboradoras en distintas accións ao longo do ano.
LaLiga Genuine, na Cidade Deportiva branquiazul
A Fundación LaLiga elixiu Abegondo para ser unha das sedes de LALIGA GENUINE 2024-25 tal e como sucedera na campaña 2018-19 e na pasada 2023-24.
Os criterios para esta elección están baseados en "a idoneidade das instalacións deportivas", en referencia á Cidade Deportiva de Abegondo; así como o "compromiso e a implicación" da Fundación RC Deportivo no proxecto.
LALIGA GENUINE é unha competición de fútbol desenvolvida por LALIGA, a través da súa Fundación, e pioneira en promover a integración de persoas con discapacidade intelectual na sociedade a través do fútbol.
Ademais do Dépor Genuine, intégrana outros 46 equipos procedentes de toda a xeografía española, con algo máis de 1.200 xogadores e xogadoras; e asentada como un referente no deporte inclusivo e unha celebración da diversidade.
Os equipos están divididos en 2 grupos baixo os nomes de Compañeirismo e Respecto, dos que saen dous campións deportivos e dous de fair play cando finalice o calendario, que estará dividido en 4 fases, distribuídas en 6 sedes.
A primeira das 6 paradas foi en Tarragona, co Nàstic de Tarragona como club anfitrión, quen recibiu a todos os equipos Genuine do 22 ao 24 de novembro no Fútbol Salou Sports Centre.
A segunda fase, dividida en dúas sedes, trasladará á comunidade Genuine ás cidades de Valencia e A Coruña. Os días 8 e 9 de febreiro de 2025 os equipos viaxaron á Cidade Deportiva de Paterna, coa Valencia CF como club anfitrión. Os días 15 e 16 de marzo será o RC Deportivo o que acolla ao resto na Cidade Deportiva de Abegondo, que repite por segundo ano consecutivo.
Tamén dividida en dúas sedes, a terceira fase distribuirase entre as cidades de Vila-real e Burgos. Primeiro LALIGA GENUINE viaxará até a Cidade Deportiva José Manuel Llaneza os días 26 e 27 de abril, onde o Vilarreal CF será o anfitrión. Ao mes seguinte, os días 10 e 11 de maio, o Burgos CF acollerá á penúltima parada da competición na súa Cidade Deportiva.
Para finalizar, do 30 de maio ao 1 de xuño terá lugar a máis que esperada gran final da competición que reunirá aos 47 equipos que a compoñen. O Athletic Club será o encargado de recibir a toda a gran familia Genuine na súa Cidade Deportiva de Lezama, onde se disputarán os últimos e máis emocionantes encontros da edición.
LALIGA GENUINE é un proxecto que fomenta a igualdade, a tolerancia e o respecto mediante a forza do fútbol, pero tamén mediante programas de inclusión sociolaboral e de apoio á formación dos seus integrantes.