O 11 de xullo de 2023 é unha data que sempre levarei no corazón. Ese día fun elixido presidente do Real Club Deportivo da Coruña. Uns días antes ABANCA facíame a proposta que aceptei sen pensalo e da que non me arrepentín nin un só día.
Case un ano despois, comunico oficialmente ante o máximo órgano do Club que dentro duns días, unha vez executados os procesos de firma dos importantes acordos que hoxe se adoptaron, cesarei do meu cargo como presidente do Deportivo. Foi unha experiencia apaixonante e, posiblemente, a máis intensa da miña vida profesional. Con momentos inesquecibles, culminados co histórico regreso dos nosos dous primeiros equipos ao fútbol profesional, e cos títulos conseguidos en catro das cinco categorías dos nosos equipos de Abegondo.
Voume coa satisfacción de poder achegar o meu granito de area a unha temporada histórica e de tantos éxitos, e coa ilusión de ver que o Club ten por diante un futuro magnífico. Estou convencido que estamos a iniciar un dos mellores períodos da historia do noso Dépor, que gozarei co orgullo de contribuír á súa construción.
A saída do concurso de acredores e o proceso de recapitalización que hoxe aprobamos; a volta ao fútbol profesional dos nosos dous primeiros equipos; a renovación do convenio de uso de ABANCA-RIAZOR para os próximos 25 anos; a elaboración e aprobación dun plan estratéxico para as próximas temporadas no que a sustentabilidade económica e a aposta pola canteira serán os alicerces nos que se vai a soportar o desenvolvemento futuro do club; e o espectacular proxecto de Abegondo marcarán un antes e un despois no noso querido Deportivo.
E quero remarcar o proxecto de Abegondo porque estou seguro que será obxecto de admiración no mundo do fútbol e de orgullo para o deportivismo e pedra angular para o desenvolvemento da nosa canteira e o benestar dos nosos deportistas.
Deixo o meu cargo á fronte do Club, pero non sen mostrar antes todo o meu agarimo, respecto e admiración a cada unha das persoas que fixeron posible que a miña etapa no Club fose marabillosa no corporativo e no deportivo, e inmellorable no persoal. Algúns dos que me acompañastes neste camiño xa formades parte da miña vida para sempre. Grazas a todos eles, grazas á afección polo apoio incondicional que nos demostrastes, e a ABANCA e ao resto dos accionistas por depositar a súa confianza en min.
Como sempre vos comentei e hoxe podo afirmalo con máis rotundidade, os alicerces que fan posible que o Real Club Deportivo exista son a súa afección, que non deixou de crer; e ABANCA, que achega os recursos para facelo posible.
Grazas ás institucións polo agarimo e respaldo que me demostraron, aos compañeiros dos medios de comunicación que nos acompañan no día a día e contribúen a crear un estado de opinión sobre o que é o Real Club Deportivo. Grazas aos meus compañeiros do Consello de Administración e a todas e cada unha das persoas que forman o club; sen o seu compromiso e esforzo nada disto conseguido sería posible.
Tamén aproveito para pedirvos a todos que a unión lograda este ano, simbolizada pola piña, mantéñase para sempre. Desde a unidade seguiremos crecendo e mostrando a nosa grandeza.
E quero acabar o meu discurso case tal e como comecei o día do meu nomeamento: "Estamos no camiño para volver facer do Dépor un club glorioso, querido, admirado e respectado en España e no mundo".
Moitas grazas e Forza Dépor.