RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Fran Alonso: "O equipo está forte, con moita confianza para facer un bo partido"

Fran Alonso admitiu esta mañá na sala de prensa de Abegondo que durante a semana, após a última derrota, "estivemos un pouco decepcionadas polo resultado e polo dominio das dúas áreas. O rival (a SD Eibar) estivo mellor que nós nesas accións concretas. Eran 3 puntos que nos axudaron a dar un paso moi grande cara ao obxectivo. Pero non se conseguiron e xa o luns estabamos coa cabeza posta no partido do sábado. Afrontámolo con moitísima ilusión e con ganas de traernos de volta algo aquí á Coruña".

O técnico deportivista recalca que "de 7 partidos perder 1 entra dentro do normal para un equipo recentemente ascendido aínda que estabamos nunha dinámica boa e queriamos estender esa xeira o máximo posible. Non puido ser e agora hai que tentar canto antes empezar outra".

Lembra ademais que "fai 7 partidos estabamos en descenso e agora estamos fóra temporalmente. Esa xeira foi moi boa, de resultados, de actuacións. E agora temos a oportunidade, despois dunha derrota, dunha boa actuación".

Asegura que "fixemos autocrítica, corriximos o que creo que deberiamos corrixir, o grupo está forte, con moita confianza para facer un bo partido", ante o Real Madrid CF mañá sábado ás 12:00 (Dazn) no Estadio Alfredo Di Stéfano.

Do conxunto branco advirte que "ten un cadro moi forte, dúas opcións moi boas por posición que encima lle dan diferentes cousas. Están en 3 competicións, agora 2, son moitos partidos; pero teñen un cadro moi completo. Están nunha xeira en liga moi espectacular. E é un rival dos máis difíciles da categoría".

O preparador branquiazul lembra que "no partido de ABANCA-RIAZOR 80 minutos fixemos un partido moi serio, competimos moi ben. Nos últimos 10 minutos foi onde estivemos mal. Temos confianza de que se estamos ao noso mellor nivel podemos sacar algo".

Finalmente, sobre a renovación de Eva Dios até xuño de 2029, Fran Alonso afirma que "estamos súper contentos por xogadoras polas que hai outros equipos interesados e que están a gusto aquí, crecendo, que queren continuar aquí, asinan varios anos, ven que o seu futuro está aquí e é especial. E cando son xogadoras da casa, aínda máis especial. Así que estou moi contento por Eva, meréceo. E estou moi contento por xogadoras que están aquí e queiran quedar".