O Fabril arrinca ante o CD Guijuelo mañá domingo 16 de marzo ás 17:00 no Estadio Municipal Luis Ramos, en encontro correspondente á 27ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación, outra semana con 3 partidos de competición.
En rolda de prensa, Manuel Pablo afirma que non é complicación esta acumulación de partidos porque "os xogadores o que queren é xogar partidos. É verdade que temos moitos con 4 cartóns. Imos ver como o manexamos. Hai 3 partidos nunha semana. Se se xuntan moitas sancións tiraremos de xuvenís. Irémolo manexando no día a día", apunta.
Após os salmantinos, o filial visitará á SD Compostela o mércores 19 de marzo ás 20:30 no Estadio Vero Boquete de San Lázaro en partido aprazado no seu día polo temporal; e o domingo 23 ás 12:00 recibirán en Abegondo ao Real Avilés Industrial.
Os resultados da última xornada, coa derrota en Abegondo ante o Rayo Cantabria, deixou ao filial deportivista en 7ª posición con 37 puntos e o citado partido pendente en Santiago.
Son baixa para o encontro Noé e Pablo García, tal e como confirmou Manuel Pablo en rolda de prensa; ademais de Marotías e Jaime Garrido, sancionados polas súas expulsións ante os cántabros. "Foron situacións no campo que non soubemos manexar, que nos lastra un pouco nos xogadores; pero recuperamos a Aarón e a Álex Pereira, que xa estaba a semana pasada", declarou respecto diso o preparador fabrilista. "Oportunidades para outros", engadiu.
Pola súa banda, o conxunto salmantino, que a pasada fin de semana caeu (1-0) en Pasarón ante o Pontevedra CF, é 16º na táboa con 27 puntos.
Na primeira volta disputada en Abegondo o 3 de novembro de 2024 (10ª xornada) venceron os fabrilistas (1-0) con gol de Bil no minuto 33.
No seu campo, o Municipal Luis Ramos, o CD Guijuelo gañou á RS Gimnástica de Torrelavega (1-0), Real Avilés Industrial (2-1) e SD Compostela (1-0); empatou co Bergantiños CF (0-0), UP Langreo (0-0), UM Escobedo (1-1), CD Laredo (1-1) e Real Ávila CF (1-1); e caeu co Salamanca CF UDS (0-1), Real Valladolid Promesas (1-2), Pontevedra CF (0-1) e UD Llanera (0-1).
O seu técnico, Rubén Gala, confía "plenamente en que imos saír desta situación e o equipo está a traballar moi ben".
Do Fabril opina que "moi dinámico, con moita calidade técnica, con moi bos futbolistas en todas as súas liñas, un bo porteiro... É o típico filial con calidade, teñen bo pé, son rápidos, perigosos polas bandas, xogo interior tamén e en punta con Kevin son un equipo perigoso".