Un Fabril pragmático suma 3 puntos en Guijuelo con outro gol decisivo de Alfaro no primeiro do tres partidos do filial en 7 días
O Fabril arrincou con vitoria (0-1) ante o CD Guijuelo no Estadio Municipal Luis Ramos outra semana con 3 partidos de competición posto que o vindeiro domingo 23 de marzo ás 12:00 (YouTube RC Deportivo) recibe en Abegondo ao Real Avilés Industrial; e antes, o mércores 19 ás 20:30, visita á SD Compostela no Estadio Vero Boquete de San Lázaro en partido correspondente á 20ª xornada aprazada o pasado mes de xaneiro polo temporal.
Os branquiazuis foron sobre todo prácticos nun campo no que o primeiro equipo non logrou gañar nin en liga no seu paso por Primera Federación nin en Copa del Rey.
Con este resultado, o filial suma 40 puntos situado na 5ª posición da táboa.
Foron baixa para o partido os lesionados Noé e Pablo García; ademais dos sancionados Marotías e Jaime Garrido.
O xuvenil Samu relevou a Marotías no centro da zaga mentres que Kike Fernández foi a parella de Alfaro, outra vez decisivo, no mediocentro.
O equilibrio foi a nota dominante nos primeiros minutos aínda que o Fabril si puxo en perigo a meta de Guzmán.
Aos 9 minutos, un disparo de Íker Vidal obriga a intervir á meta salmantino.
Manu Ferreiro e Kevin levaron os mandos en ataque aínda que os minutos transcorrían sen apenas ocasións de gol nas dúas porterías.
O Fabril adiantouse nos instantes finais da primeira metade. Do mesmo xeito que en Escobedo de Camargo hai 15 días, Alfaro foi decisivo de novo.
O centrocampista branquiazul centra desde a esquerda, Mane non remata ben e o balón chégalle de novo a Alfaro, que, de socato, lograba o gol do triunfo.
Ao descanso chegouse con vantaxe branquiazul.
Após o paso polos vestiarios, Fran López tivo a primeira para os locais. Disparou desde a frontal ás mans de Hugo Ríos, ben situado baixo paus.
Respondeu Bil cun remate desde a frontal da área sen consecuencias para o marcador.
Manuel Pablo refresca ao equipo coa entrada de Guerrero e Fabi por Mane e Bil.
Os nervios comezaban a pasar factura aos locais, atenazados pola súa perigosa clasificación. Javi Hernández evita baixo paus o segundo tanto fabrilista que sería a sentenza.
O Fabril acumula ocasións de gol, como unha de Fabi e varias de Kevin Sánchez antes de ser sustituído por Darío Germil.
Os locais puxeron a proba a Hugo Ríos no minuto 85. Hugo Morales recibe en banda dereita, métese cara a dentro e o seu chute despéxao Hugo Ríos.
Sen máis sobresaltos chegouse ao final do partido con 3 puntos máis para o equipo que dirixe Manuel Pablo.
CD Guijuelo: J. Guzmán, Montes (Boigues, min. 74), Expo JR, Morales, Sillero (Yenerey, min. 74), Cristóbal, Carmona, Javi H., Fran López (Antón, min. 57), Kike López (Pana, min. 57) e Coque
Fabril: Hugo Ríos, Mardones, Samu (Álex Pereira, min. 72), Damián Canedo, Íker Vidal, Kike Fernández, Alfaro, Mane (Fabi, min. 65), Manu Ferreiro (Luisao, min. 78), Kevin Sánchez (Darío Germil, min. 78) e Bil (Guerrero, min. 65)
Árbitro: Asier Villanueva Amorrortu, do comité vasco. Amoestou a Montes (min. 35), Kike López (45+1), Coque (min. 60), Fabi (min. 70), Hugo Ríos (min. 75), Manu Ferreiro (min. 78), Kike Fernández (min. 83) e Antón (min. 89)
Gol: 0-1 Alfaro (min. 41)
Incidencias: partido correspondente á 27ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado no Estadio Municipal Luis Ramos