RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Un Fabril que acaba con 9 xogadores e do que Manuel Pablo sente "orgulloso" cae pola mínima ante o Rayo Cantabria

O Fabril caeu derrotado (0-1) co Rayo Cantabria esta mañá en Abegondo en partido correspondente á 26ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.

Con este resultado, os fabrilistas quedan con 37 puntos na 6ª posición da táboa.

Manuel Pablo mostrouse na sala de prensa "orgulloso dos mozos por tentalo até o final. Creo que fixemos un moi bo partido 11 para 11".

O partido empezou con moito respecto entre os dous equipos e sen apenas chegadas ás dúas porterías. Tanto Manuel Pablo como Ezequiel Loza nas comparecencias previas coincidiron en afirmar que as dúas filiais son moi parellos.

A primeira ocasión do partido foi para os cántabros grazas a unha galopada de Ángel por banda dereita pero o seu centro raso non atopa rematador.

Respondeu o Fabril con Fabi, que penetrou na área e o seu pase ao centro non atopou rematador. Gomeza despexou a pelota con certos apuros.

Aos 29 minutos, un pase de Guerrero remátao desde a frontal demasiado alto Manu Ferreiro, libre de marca.

Pouco despois, Manu Ferreiro en banda dereita mete un centro á área que Fabi cabecea alto chegando desde atrás.

No outro área, Alberto despexou nunha boa intervención un centro chute rayista desde a banda dereita.

O partido non tiña un dominador claro. 

De novo o porteiro fabrilista e capitán vese obrigado a repelar a saque de esquina un remate de Mario, quizais algo escorado.

Sen máis ocasións que apuntar chegouse ao descanso.

"Eles viñeron a esperarnos. Xuntáronse moito e non puidemos atopar os espazos", explicou Manuel Pablo ante os medios de comunicación.

O arranque da segunda metade foi fabrilista.

Manu Ferreiro, nunha bonita acción persoal, xuta desde fóra da área e obriga a intervir ao meta racinguista Álvaro.

Case ao minuto seguinte, Fabi proba fortuna desde a frontal e atópase de novo coa acertada resposta do porteiro cántabro.

Apropiouse a pelota o Fabril mentres que o Rayo Cantabria defendíase no seu campo.

Ezequiel Loza tentou sacudirse o dominio dos seus cun dobre cambio: Quincala e Baldrich substitúen a Mario e Diego.

O Rayo Cantabria dispuxo dunha boa ocasión co lanzamento dunha falta lateral de Ángel, directa a porta, que Alberto despexou a saque de esquina. Corría o minuto 64.

Baldrich remata alto un centro de Izan por banda dereita.

O choque volveu igualarse e decantouse ao lado rayista cando Garrido viu dous cartóns amarelos case consecutivas (minutos 66 e 69), circunstancia que fixo que o Fabril se vise obrigado a disputar a recta final con 10 futbolistas.

Manuel Pablo responde o banco coa entrada de Kike Fernández e Mane por Fabi e Guerrero.

Con superioridade numérica, o Rayo Cantabria fíxose co dominio territorial aínda que sen apenas crear perigo.

No entanto, os cántabros lograron porse en vantaxe cun disparo de Izan desde a frontal após un despexe da zaga deportivista ao saque dun córner. O balón pasa entre unha nube de xogadores e deixa sen capacidade de reacción ao meta Alberto.

"O partido escapóusenos por un balón parado despois de varios rexeites. Son cousas que pasan", lamentouse o adestrador do Fabril.

Lograr empatar converteuse en misión case imposible ao quedar o filial deportivista con 9 futbolistas sobre o campo por expulsión de Marotías con vermella directa por entender o colexiado unha agresión a un rival na área do Rayo Cantabria nun saque de esquina.

O técnico fabrilista tentou, coa entrada de Darío Germil, cazar algún balón alto para inquietar a Álvaro.

A coraxe dos branquiazuis case dá o seu froito e mesmo gozaron dalgunha ocasión para empatar o partido.

"Tentámolo todo", recalcou o preparador fabrilista. "Tivemos situacións máis de tiros afastados porque non había profundidade, algún centro que se nos escapou. Pero só podo estar orgulloso do rendemento que demos. É a liña a seguir", engadiu.

O encontro acabou cunha pequena liorta entre os dous equipos diante xusto dos bancos. Ao acabar, o colexiado do encontro, o asturiano Hugo Alonso Luiña, reflectiu na acta a identificación dun futbolista do Rayo Cantabria, Diego Fuentes, como presunto autor dunha agresión de índole racista ao xogador do Fabril Mane.

"Non nos tiraron a porta. Só o gol e algunha fóra", resumiu Manuel Pablo, quen opina que o seu equipo fixo "un partido bastante completo".

A próxima fin de semana, a Fabril visita ao CD Guijuelo no Estadio Municipal Luis Ramos.

Fabril: Alberto, Mardones, Marotías, Guerrero (Mane, min. 70), Alfaro (Álex Pereira, min. 84), Kevin Sánchez, Damián Canedo (Darío Germil, min. 87), Garrido, Íker Vidal, Fabi (Kike Fernández, min. 70) e Manu Ferreiro (Luisao, min. 84)

Rayo Cantabria: Álvaro, Entrecanales, Carrascal, Gomeza, Izan (Néstor, min. 84), Dani, Mario (Quincala, min. 56), Ángel (Chino, min. 87), Solórzano (Íñigo, min. 84), Diego (Baldrich, min. 56) e Salinas

Árbitro: Hugo Alonso Luiña, do comité asturiano. Amoestou a Kevin Sánchez (min. 31), Carrascal (min. 40), Guerrero (min. 49), Gomeza (min. 65), Garrido (min. 66 e 69), Luisao (min. 85), Alberto (min. 90), Mane (min. 90) e Diego (min. 90). Expulsou con cartón vermello a Marotías (min. 79) 

Goles: 0-1 Izan (min. 76)

Incidencias: partido correspondente á 26ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado en Abegondo. Gardouse un minuto de silencio en memoria do colexiado falecido David García de la Loma