Un Fabril que quere "mirar sempre cara arriba" visita mañá domingo ás 12:00 ao UM Escobedo
O Fabril visita mañá domingo 2 de marzo ás 12:00 ao UM Escobedo no Estadio Eusebio Arce na localidade cántabra de Escobedo de Camargo.
O filial deportivista, após o empate (0-0) da pasada fin de semana en Abegondo ante o Marino de Luanco, chega a esta 25ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación en 6ª posición con 34 puntos e un partido menos, o que disputará en Santiago ante a SD Compostela o mércores 19 de marzo ás 20:30 horas.
Manuel Pablo confirmou para o encontro as baixas de Aarón, Luisao, Noé "que xa sabemos que é para toda a temporada", e Pablo García "que o outro día fíxose unha escordadura de nocello e non vai poder estar; pero recuperamos a Kike Fernández que xa entrou o outro día e a Álex Pereira".
O técnico fabrilista insiste en "querer mirar sempre cara arriba, en ser ambiciosos".
Admite que co paso das xornadas, "se te ves máis preto do descenso haberá que pensar noutras situacións ou non porque a idea sempre é a mesma".
Conclúe que "está todo moi igualado e unha xeira de 2 ou 3 partidos sen gañar pódeche meter nesa zona vermella. Por agora non pensamos niso e máis en ser ambiciosos".
Pola súa banda, o UM Escobedo, que a pasada fin de semana caía en Pasarón co Pontevedra CF (2-0) é 13º con 28 puntos.
Manuel Pablo lembra que o conxunto cántabro até o partido ante os granates levaba 8 partidos sen perder e 8 porterías a cero.
No partido da primeira volta entre ambos os equipos disputado o 20 de outubro (8ª xornada) venceu o Fabril (4-0) con goles de Alfaro, Guerrero, Fabi e Dylan Iglesias.
No Estadio Eusebio Arce esta temporada o UM Escobedo gañou ao Real Ávila CF (1-0); empatou co Salamanca CF UDS (1-1), RS Gimnástica de Torrelavega (1-1), Real Avilés Industrial (1-1), Bergantiños CF (1-1), CD Laredo (0-0) e SD Compostela (0-0); e perdeu co Real Valladolid Promesas (1-4), Pontevedra CF (0-2), UP Langreo (0-2) e Rayo Cantabria (0-5).
O seu adestrador, Samuel San José, afirmou que o equipo quere "recuperar a boa dinámica" e pide "ser fortes en casa de aquí a final de temporada".
Do Fabril apunta que "está a facer as cousas ben, por iso vai arriba na táboa. Isto non é casualidade despois de tantas xornadas. Ten mozos novos con moito talento, descarados en ataque. Tamén ten algunhas vulnerabilidades que trataremos de explotar nós".