RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

O Fabril e o Rayo Cantabria mídense mañá en Abegondo nun "partido parello"

O Fabril e o Rayo Cantabria ven as caras mañá domingo 9 de marzo ás 12:00 (YouTube RC Deportivo) en Abegondo, en partido correspondente á 26ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.

Manuel Pablo asegura que este tipo de partidos "son parellos en teoría", ante outro filial que "sabes como se manexan, teñen xogadores de calidade e queren ser protagonistas".

Os fabrilistas, co triunfo en Escobedo de Camargo a pasada fin de semana, suman 37 puntos na 5ª posición da táboa e co partido pendente de xogar no Estadio Vero Boquete de San Lázaro ante a SD Compostela aprazado no seu día polo temporal e previsto para o mércores 19 de marzo ás 20:30.

Manuel Pablo, en rolda de prensa, confirmou a recuperación de Aarón e Luisao; aínda que o técnico canario non poderá contar cos lesionados Noé e Pablo García.

Do mozo lateral coruñés laméntase o técnico do filial que "non tivo continuidade nunca. Non foi capaz de encadear 4 partidos seguidos. Estou moi próximo a el porque tamén falamos do posto. Está a levalo ben, pero sei que é que non é fácil porque non tes continuidade. Por iso estalle custando, máis pola continuidade que polas capacidades que teña".

Pola súa banda, o Rayo Cantabria, que a pasada fin de semana venceu (2-1) ao Pontevedra CF, é 11º con 32 puntos.

No partido de ida disputado o 27 de outubro de 2024 (9ª xornada) no campo de La Planchada en Astillero venceu o Fabril (1-2) con goles de Bil e Guerreiro.

Lonxe do seu campo esta temporada, o Rayo Cantabria gañou ao Salamanca CF UDS (0-3), UP Langreo (0-2), UM Escobedo (0-5) e SD Compostela (1-2); empatou coa RS Gimnástica de Torrelavega (1-1), Real Valladolid Promesas (1-1), Real Avilés Industrial (2-2) e Bergantiños CF (3-3); e perdeu co Pontevedra CF (2-1), CD Numancia de Soria (1-0), UD Llanera (4-3), CD Laredo (2-1) e Real Ávila CF (4-0).

Ezequiel Loza, técnico racinguista, afirmou en rolda de prensa que "o Fabril é un equipo como nós. Ten xogadores novos con moita ilusión, con moita calidade, velocidade, manexa ben as distintas fases do xogo".

Preveé un partido "bonito para o espectador e complicado para os dous equipos". 

O RC Deportivo mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición dos asentos nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.