Hugo José Rama Calviño, coñecido futbolísticamente como Hugo Rama (Oroso, A Coruña, 22 de novembro de 1996), converteuse en novo xogador do Dépor, cun contrato polas dúas próximas temporadas, até xuño de 2025, con posibilidade de ampliar unha máis.
Hugo Rama regresa deste xeito ao Deportivo, no que militou en idade xuvenil e no Fabril, durante un total de tres temporadas. O centrocampista coruñés xogou 46 partidos e anotou 4 goles en dúas campañas (2015-16 e 2016-17) co filial branquiazul.
Antes de finalizar en Abegondo a súa etapa formativa, formou parte das canteiras do Xuventude Oroso, do RC Celta e do Sigüeiro FC.
Tralo seu paso polo Fabril, fichou polo CCD Cerceda, entón en Segunda División B, no verán de 2017. Pese ao descenso a Terceira do conxunto coruñés, Hugo Rama firmou de cara á seguinte temporada polo CD Mirandés, co que fixo o camiño á inversa, formando parte do cadro que logrou o ascenso a Segunda División.
O seu bo facer co equipo de Anduva valeulle o regreso á súa terra para estrearse na categoría de prata, co CD Lugo. No conxunto branquivermello militou dúas campañas e media, até a súa fichaxe no mercado de inverno da temporada 2021-22 polo Real Oviedo. No conxunto asturiano xogou a última temporada e media.
Hugo Rama totaliza 113 partidos e 5 goles nas súas 5 campañas en Segunda División con lucenses e ovetenses. Ademais, disputou 72 encontros e anotou 6 tantos en Segunda B, entre CCD Cerceda e CD Mirandés. Co club burgalés, ademais, participou en 3 choques (1 gol) en playoff de ascenso a Segunda División.