Última sesión do Dépor en Abegondo previo ao encontro en Castalia "con todos os futbolistas con capacidade para achegar"
O Dépor realizou esta mañá a última sesión en Abegondo previa ao encontro deste luns 17 de marzo ás 20:30 (LaLiga TV Hypermotion) en Castalia ante o CD Castellón posto que mañá domingo Os Nosos adestraranse a partir das 17:15 na cidade deportiva do conxunto castellonenco.
Óscar Gilsanz, en rolda de prensa, explicou que 10 días entre o partido do Córdoba CF e o do CD Castellón, "dan para facer un pouco de todo: descansar un pouco máis, traballar un pouco máis e ir axustando as cargas sobre todo a final de semana porque os adestramentos teñen como fin último chegar ben ao partido. E iso é o que tratamos".
O técnico deportivista lembra que quedan dous adestramentos até o choque e explica que "seguen de baixa Escudero e Gauto. Tamén está Jaime que tivo un corte e déronlle varios puntos de sutura nun talón. E vai ser baixa. E Villares ten unhas pequenas molestias e estivemos a controlar moito as cargas estes días". "En todo caso a estas alturas da temporada todos os que poidan entrar no equipo están con capacidade para achegar", puntualiza.
Preguntado por Sergio Escudero, que xa fai tarefas co grupo, Óscar Gilsanz asegura que "vai todo segundo o previsto. Está a saír ao campo para un pouco de carreira, tocar un pouco o balón pero sen ningún tipo de oposición".
O corpo técnico dispuxo no campo 3 da Cidade Deportiva dunha activación con rondos, por grupos un xogo de posición e un exercicio táctico de evolucións ofensivas, e un partido para concluír.
O porteiro xuvenil Anxo Regueiro, que pertence ao Xuvenil A, estreouse nunha sesión co primeiro equipo. Este coruñés recibiu así un premio a toda unha vida, desde os benxamíns, no Club.