RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ian Mackay, novo xogador do Dépor 2021-2022

Ian Mackay Abad (A Coruña, 14 de xullo de 1986) converteuse en novo xogador do Real Club Deportivo para as dúas próximas temporadas despois de finalizar o seu contrato co CE Sabadell.

O porteiro coruñés, de pai escocés e nai herculina, comezou a xogar ao fútbol no Silva SD, de onde rapidamente foi recrutado polo Ural CF. Á idade de 15 anos foi fichado polo RC Deportivo, ao que pertenceu durante seis temporadas, desde 2001 até 2007.

Mackay debutou co Fabril aínda en idade xuvenil, na temporada 2004-2005. O curso seguinte fíxose coa titularidade do filial (28 partidos, 15 goles encaixados) nunha campaña con final amargo após perder o ascenso no playoff ante o CD Cobeña. Mackay comezou a Temporada 2006-2007 co filial, pero o último día do mercado foi cedido ao AD Ceuta, do que saíu en xaneiro rumbo ao CD Universidad de Oviedo, equipos nos que tivo o seu primeiro contacto coa Segunda División B porque co Fabril só xogou en Terceira, onde sumou 30 encontros, nos que recibiu 18 goles.

Entre medias, no verán de 2006, foi convocado por Joaquín Caparrós para realizar a pretemporada co primeiro equipo deportivista en Isla Canela. Mackay disputou entón varios encontros amigables co Deportivo, o máis lembrado, a final do LXI Trofeo Teresa Herrera que os branquiazuis conquistaron fronte ao AC Milan (3-1) cunha gran actuación do porteiro herculino.

Despois de facer a pretemporada de novo co primeiro cadro, agora baixo as ordes de Miguel Ángel Lotina, foi traspasado ao UD Vecindario no último día do mercado de fichaxes de verán de 2007. En Gran Canaria, Mackay comezou unha longa traxectoria na categoría de bronce do fútbol nacional, na que xogou 12 temporadas e nada menos que 303 partidos (13 deles de playoffs de ascenso a Segunda), nos que recibiu un total de 301 goles.

Após un curso e medio no SD Ciudad de Santiago (co que logrou o ascenso de Terceira a Segunda B), Mackay puxo rumbo á SD Ponferradina, coa que logrou o primeiro dos seus dous ascensos á categoría de prata, sendo ademais o heroe ao parar o penalti decisivo da longa quenda ante a UE Sant Andreu. Despois do descenso do conxunto berciano na seguinte campaña, o gardameta coruñés xogou unha temporada no Atlético Baleares e comezou a seguinte no CD Boiro, antes de asinar polo Racing de Ferrol, onde chegou en abril de 2014 debido ás lesións de todos os porteiros. Ian botou raíces na formación ferrolá. Alí estivo ese final de temporada e catro máis, nas que disputou sen éxito tres fases de ascenso a Segunda e sufriu o descenso a Terceira na última. Coa camiseta verde disputou 138 encontros, nos que encaixou 146 tantos.

A súa estancia no Real Murcia (2018-2019) e a CE Sabadell, onde en 2020 logrou a súa outro ascenso a Segunda División e regresou á categoría de prata (na que totaliza 68 encontros) oito anos despois, completa a carreira do porteiro coruñés, que durante a súa cesión ao CD Universidad de Oviedo chegou a ser convocado pola selección escocesa sub-20, á que non puido acudir debido a unha lesión.