Jose Ángel e Barbero, protagonistas na xogada do gol do triunfo, pasáronse pola zona mixta de ABANCA-RIAZOR.
O mediocentro andaluz confesou en primeiro lugar estar "un pouco canso polo esforzo do partido. Ao final tiven un pouco de cambras pero a descansar para empezar a tope a semana".
Asegura que o vestiario era consciente que "nos enfrontabamos a un rival duro, difícil. É verdade que tivemos varias ocasións, co 1-0 tivemos uns minutos nos que apertamos moito e nos que puidemos facer o segundo. Non se consegue e non pasa absolutamente nada. Hai que pelexar até o final, ser guerreiros, e este equipo demostra que cando toca porse o mono de traballo e defender centros laterais, faltas, córneres é o primeiro en facelo. Tamén estamos cómodos así. Estou contento polo esforzo de todos".
Jose Ángel ve a varios equipos "fortes pelexando polo liderado. Agora nós somos os que estamos primeiros e queremos mantelo por suposto. Para ser campión hai que ir gañando partido a partido. É o que estamos a facer. A seguir así. Non temos que mirar moito máis alá".
Pola súa banda, Iván Barbero confesa que na acción do gol do partido, "cando lle pega José Ángel pensei que se me vén aquí ía tentar desviala. É o que pretendo. Tampouco penso que vaia a ir tan ben colocada, pero sae ben e estou contento".
O dianteiro andaluz insiste en que "debemos mirar o noso traballo, o día a día, esa familia que formamos no vestiario que nos está dando os resultados. Agora encamiñamos 3 vitorias consecutivas. Temos que seguir nesta liña".
Finalmente asegura que "non imos baixar o pistón. Sabemos o que nos xogamos cada un no vestiario, o feliz que podemos facer a moita xente e iso vale ouro. A nós encántannos os retos e imos ir a por todas".