RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez: "O Dépor ABANCA é o equipo máis prexudicado da categoría por xogar sen público"

Manu Sánchez, técnico deportivista, asegurou en rolda de prensa telemática que o Deportivo ABANCA "é o equipo máis prexudicado da categoría por esta circunstancia de xogar os partidos sen público. Abegondo é unha bancada que anima, que apoia, que aperta. Ímolo botar moitísimo en falta. Temos que asimilar esta nova realidade para nós".

Por este motivo, subliña que "volvemos a Abegondo pero non vai ser o mesmo. Para nós é un fervedoiro de emocións pero non vai poder ser así, non imos ter #anosaforza á beira do equipo. Toca traballo puro e duro a ver se lle podemos meter man a esta Real Sociedad".

O técnico deportivista destaca precisamente do conxunto vasco, rival mañá domingo en Abegondo (12:00 horas, Gol), que ten "unha capacidade asociativa moi alta. Para combatelo temos que estar moi ben situadas, non perder nunca o sitio".

Vaticina unha batalla entre os dous equipos "por quen controla o balón e quen decide a que se vai a xogar".

Aínda que lembra que se trata da 2ª xornada de liga "e non podemos empezar a obsesionarnos, sería importante obter un triunfo aquí porque temos moitos cambios no cadro para que o grupo estea tranquilo, para que sigan traballando con confianza. E esa confianza dancha sempre os resultados. Gustaríanos que Abegondo sexa o fortín do ano pasado pero para iso axudounos moito a afección, que de inicio non a imos ter".

Respecto ao debut da pasada fin de semana ante o Athletic Club apunta que "en Lezama mereceramos mínimo o empate, pero ao final os goles son os que mandan. Custounos entrar no partido, conseguimos repoñernos, repuxémonos ao seu gol, igualamos o marcador e eu creo que ese foi o momento no que as tiñamos. Non fomos capaces, perdoamos e nunha acción illada que non soubemos defender ben pecamos de inxenuidade. É o que corriximos esta semana".

Manu Sánchez recalcou nestes últimos días aos seus futbolistas "as vixilancias, a concentración, as orientacións aos centros laterais, Iso e ter un pouco máis de calma con balón. Temos fútbol e hai que ter esa tranquilidade para desenvolvelo".