RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor arranca a liga en quinta (5-0)

O Deportivo arroiou ao Celta B con cinco golazos no arranque ligueiro 2021-2022, nun Estadio ABANCA-RIAZOR onde #ANOSAFORZA, de regreso a #ANOSACASA en gran cantidade grazas á ampliación do aforamento máximo ao 40 por cento, levou polo aire aos seus desde o asubío inicial e puido gozar dunha gran vitoria.

Na súa estrea oficial como técnico deportivista, Borja Jiménez apostou polo xuvenil Trilli no lateral dereito, por Adrián Lapeña e Jaime Sánchez como parella de centrais, e por tres homes en mediocampo, con Álex Bergantiños no vértice máis atrasado e Diego Villares e o colombiano Juergen Elitim aos seus lados. En ataque, Miku como referencia, co brasileiro William de Camargo aberto ao costado esquerdo e Alberto Quiles ao dereito.

O encontro comezou cunha acción na que se puido adiviñar o que se aveciñaba. Corría o minuto 3 cando Gaizka Campos sacou a córner un disparo de Quiles desde fóra da área após unha deixada de tacón de Villares.

Cun Dépor dominante, no momento en que o Celta B tentou adiantar a presión chegou o primeiro tanto. Villares, con Holsgrove no cocote, conectou con Juergen, completamente liberado en tres cuartos de cancha. O colombiano, cun sensacional pase en profundidade, deixou só a Miku ante a saída en falso de Gaizka Campos. O internacional venezolano recortou ao porteiro visitante para anotar a porta baleira no minuto 13.

Non transcorreran nin cinco minutos cando outro fantástico pase ao oco de Juergen, após unha bonita combinación en mediocampo, levouno ao fondo das mallas Quiles, definindo ante a saída dun porteiro rival que chegou a rozar o esférico.

Con esa clara vantaxe no marcador, o Deportivo pasou a dominar aínda máis se cabe o encontro. Os branquiazuis só víronse ameazados por un libre directo de Holsgrove, cuxo disparo por baixo despexou Mackay cara á súa dereita. O rexeite caeu a Carlos Domínguez que, en posición forzada, empalmou moi por riba do traveseiro. Pese ao empuxón visitante nos últimos minutos, o equipo de Onésimo Sánchez non creou ningunha ocasión máis.

A segunda metade comezou polos mesmos camiños, co Dépor ao mando e creando perigo en accións elaboradas. No minuto 51, Quiles estivo a piques de repetir despois dunha gran triangulación con Miku, cuxa deixada rematou coa zurda o onubense moi preto do pau dereito da portería rival. Tamén Miku puido dobrar o seu marcador particular, cando no minuto 62 cabeceou un centro de Héctor desde a liña de fondo estrelando o esférico na parte superior do traveseiro.

Borja Jiménez deu entrada a Josep Calavera por Juergen Elitim e poucos segundos despois fixo o propio con Menudo en lugar de William de Camargo. Álex Bergantiños, que nas fases defensivas xa se incrustaba entre os dous centrais desde o inicio do choque, a partir de entón quedou definitivamente nesa posición, co tarraconense por diante, o sevillano e Villares aos seus costados e Quiles e Miku formando dúo en punta.

O Celta B realizou numerosos cambios ao redor da hora de xogo, pero tampouco atopou a maneira de crear excesivo perigo. Mentres, o Deportivo seguiu chegando con claridade. E mesmo, cando non o fixo, volveu perforar a meta contraria. No minuto 70, Menudo enganchou un zapatazo nun balón solto a 25 metros da portería que se coou por todo o recanto para converterse no 3-0.

Con ABANCA-RIAZOR convertido nunha festa, aínda chegaron dous tantos máis. No minuto 85, Carlos Doncel levou ao fondo das mallas o primeiro balón que tocou como deportivista en partido oficial. O extremo acababa de entrar por Quiles cando definiu con enorme sangue frío unha marabillosa acción coral ao primeiro toque entre Trilli, Noel e Menudo.

Despois de que Mackay desbaratase a mellor ocasión contraria en todo o partido, nun disparo de socato de Holsgrove no minuto 87, chegou o quinto tanto. O xuvenil Noel, que entrara por Miku ao mesmo tempo que Doncel, puxo a guinda ao pastel no tempo engadido após gañar a carreira aos centrais nun balón longo, sortear a saída do porteiro e introducir a pelota na portería cun túnel a Carlos Domínguez.

RC Deportivo: Mackay, Trilli, Lapeña, Jaime, Héctor Hernández, Diego Villares (Rafa de Vicente, min. 84), Álex Bergantiños, Juergen Elitim (Josep Calavera, min. 61), Quiles (Doncel, min. 84), Miku (Noel, min. 84) e William (Menudo, min. 63).

RC Celta de Vigo B: Gaizka Campos, Carrique, Castro (Medrano, min. 68), Álex Martín, Carlos Domínguez, Pampín (Gabri Veiga, min. 68), Javi Gómez (Carbonell, min. 57), Carlos Beitia (Lautaro, min. 57), Holsgrove, Alfon e Miguel (Cedric, min. 57).

Goles: 1-0 Miku (min. 13); 2-0 Quiles (min. 17); 3-0 Menudo (min. 70); 4-0 Doncel (min. 85); 5-0 Noel (min. 90+3).

Árbitro: Muñoz Pedra (c. madrileño). Cartóns amarelos a Álex Martín (min. 29), Castro (min. 42), Diego Villares (min. 64), Gabri Veiga (min. 73), Lautaro (min. 80) e Medrano (min. 83).

Incidencias: partido correspondente á 1ª xornada de Primeira RFEF Grupo 1 disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR con aforamento limitado debido á pandemia de COVID-19.