O Dépor busca manter o "nivel de rendemento bo" mañá en ABANCA-RIAZOR ante o FC Cartagena
O Dépor recibe mañá domingo 23 de marzo ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion) ao FC Cartagena en partido correspondente á 32ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Os resultados da última xornada, co empate no SkiFi Castalia, deixaron a Os Nosos en 12ª posición con 41 puntos.
Onte en rolda de prensa, Óscar Gilsanz admitiu que "esa ilusión de xogar en ABANCA-RIAZOR ante #ANOSAFORZA sempre estimula. Trataremos de facer un bo partido".
O técnico deportivista quere "seguir cun nivel de rendemento bo que nos faga ter boas sensacións, dar unha alegría á xente que estamos todos desexando darlla".
No entanto, recalca a importancia de ter "boas sensacións como equipo que ten como consecuencia ir sumando puntos".
Son baixa por lesión Escudero, Gauto, Obrador e Jaime; ademais de Dani Barcia, sancionado por acumulación de amoestacións.
Os Nosos realizaron esta mañá un último adestramento, consistente nunha activación con roldo e un último repaso ao plan de partido.
Samu e Mardones foron os representantes de #ANOSACANTEIRA na sesión.
Pola súa banda, o FC Cartagena, que a pasada fin de semana caeu (0-1) co Burgos CF, é 22º con 15 puntos.
Na primeira volta disputada en Cartagonova o 3 de novembro (13ª xornada) venceron os branquiazuis (1-5) con goles de Yeremay -2-, Ximo Navarro, Barbero e Cristian Herrera.
Lonxe do seu campo esta temporada o FC Cartagena gañou ao CD Eldense (1-2) e Real Racing Club (1-2); empatou co Racing de Ferrol (0-0); e caeu co Burgos CF (3-1), Real Oviedo (1-0), CD Tenerife (2-0), Córdoba CF (2-1), CD Mirandés (3-1), Málaga CF (1-0), SD Eibar (1-0), CD Castelló (4-1), Granada CF (4-1), SD Huesca (4-0), Cádiz CF (5-2), Elche CF (2-1) e Levante UD (3-0).
O seu técnico, Guillermo Fernández Romo, admite que a semana foi "dura primeiro pola regularidade de malos resultados que levamos. Estamos a perder todos os partidos que estamos a xogar. Iso non significa que sexamos un equipo perdedor. Se algo somos é un grupo gañador".
A pesar diso asegura que o equipo "día a día vai crecendo aínda que non se traduce en resultados positivos. Iso dános firmeza para que cando chega o seguinte partido sintamos preparados de verdade para competir e facelo o mellor posible".
Detalla que a expedición viaxa con "4 xogadores con dúbidas; máis os internacionais, máis Sergio Guerrero sancionado e máis as baixas confirmadas de Gastón, Luis e Jorge".
Finalizado o encontro de ABANCA-RIAZOR, Os Nosos adestraranse de novo o luns 24 ás 11:00 en Abegondo.