O Dépor pechou esta noite cun empate (2-2) ante o CD Castellón no Estadio SkiFi Castalia a 31ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Con este resultado, Os Nosos suman 41 puntos situados na 12ª posición.
Foron baixa Escudero; Juan Gauto; Jaime, cunha ferida nun talón; e Villares, cunhas molestias musculares que xa lle impediron adestrarse co grupo durante boa parte da semana.
Óscar Gilsanz optou por Denis Genreau para substituír ao lucense no centro do campo. O resto foron os habituais nas aliñacións do preparador deportivista.
Pola súa banda, os castellonencos, con 1 punto menos na táboa, buscaban a 3ª vitoria consecutiva nun estadio que trae bos recordos aos branquiazuis posto que neste escenario o pasado mes de xuño o Dépor levantou a copa que o acreditaba como campión da Primera Federación.
Aos 5 minutos, Yeremay puña en vantaxe ao seu equipo ao roubar en zona de tres cuartos, regatear a todo o que se lle puxo por diante, incluído a meta Gonzalo, e coar o balón mansamente na rede.
Saíran os locais presionando moi arriba aos branquiazuis, hoxe de amarelo.
Cala foi o autor do primeiro disparo blanquinegro desde a frontal aos 8 minutos, raso e desviado.
Mella case aproveita outro erro da zaga do CD Castellón pero o seu remate, lixeiramente escorado, estrélase no corpo de Gonzalo.
O partido seguiu a mesma tónica dos ultimos choques entre ambos os equipos: chegadas continuas ás dúas porterías.
O CD Castellón igualou aos 13 minutos. Mabil chega até a liña de fondo por banda esquerda e mete un balón ao segundo pau para que Suero só teña que empuxar á rede.
Óscar Gilsanz cre que o VAR "non funcionaría" ao non avisar ao árbitro dunha clara falta de Jozhua a Mella no inicio da acción do gol.
De novo Yeremay proba desde fóra da área ao recoller un despexe da defensa. O seu remate foi ás mans de Gonzalo.
"Marcamos primeiro pero concedemos moitas opcións de contra e a un equipo coa súa verticalidad, coa súa capacidade de desmarcarse ás costas da última liña se lles concedes defender a campo aberto tes moitas dificultades", explicou o adestrador deportivista ante os medios de comunicación.
Respondeu Cala cunha boa manobra na área deportivista aínda que o seu chute foise demasiado alto.
Todo iso en apenas 20 minutos de partido.
Pasada a media hora de xogo, Helton Leite evita o segundo tanto local ao desviar un remate de cabeza de Mabil no segundo pau após unha mala saída de balón deportivista.
Sufría un Dépor impreciso nesta recta final do primeiro tempo ante un CD Castellón mandón.
A 3 minutos do descanso, Chirino chega por liña de fondo case até a área pequena. De novo Helton tapa co corpo.
A pesar dos malos momentos do Dépor, Mella, no desconto, tivo nas súas botas o 1-2 após outra contra lanzada por Yeremay. Gonzalo desvía in extremis a saque de esquina o remate cruzado do canteirán.
Así se chegou ao descanso.
"As perdas condicionaron a primeira parte en ambos os lados, só que nós tivemos máis perdas que eles; e ese partido tradicionalmente de ida e volta entre Dépor e Castellón converteuse nun ida e volta pola cantidade de perdas. Aí tiñamos que percorrer moitos metros para atrás e aí estivo mellor o CD Castellón", apuntou o preparador deportivista.
Ao minuto da segunda metade, Jozhua batía a Helton Leite ao recoller na frontal un despexe da defensa deportivista. O seu tiro, raso e cruzado, coouse pegado ao pau esquerdo da meta de Helton Leite.
O Dépor tentou recomporse coa pelota, logrou achegarse nun par de accións e conseguiu igualar no minuto 56 após un saque de esquina que executou Jose Ángel e rematou Pablo Vázquez de cabeza.
Cala, após unha boa internada de Chirino por banda dereita, xutou desviado na frontal da área pequena.
Con Obrador tocado nun xeonllo, "cunha posible torcedura", Óscar Gilsanz aproveita para dar entrada a Petxarroman no carril zurdo, Mfulu por Genreau e Barbero por Eddahchouri.
Cala tomou os mandos en ataque do CD Castellón. Outra boa internada súa acabou cun remate desviado.
De novo o xogo era para os castellonencos, que deron paso a outra fase de posesión deportivista.
E así se chegou ao final do encontro, cos dous equipos máis pendentes de non cometer un erro que sería fatal.
Óscar Gilsanz opina que na segunda parte "tivemos máis control tanto con balón como á hora de non conceder tantas perdas".
Conclúe que "a clave estaba en quen tivese o balón para ser capaces de non tendo esas perdas controlar o ritmo do partido porque os dous equipos fan dano con espazos".
CD Castellón: Gonzalo, Suero (Cipenga, min. 90+1), Alberto, Van dean Belt, Jojic (Moyita, min. 60), Mabil (Camara, min. 80), Markanich (De Miguel, min. 60), Cala, Chirino, Escobar e Jozhua
Deportivo: Helton Leite, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Dani Barcia, Obrador (Petxarroman, min. 67), José Ángel, Genreau (Mfulu, min. 67), Mella, Mario Soriano (Hugo Rama, min. 83), Yeremay e Eddahchouri (Barbero, min. 67)
Árbitro: Salvador Lax Franco, do comité murciano. Amoestou a Mabil (min. 21), Chirino (min. 62), Van dean Belt (min. 71), Dani Barcia (min. 79) e Raúl Sánchez (min. 90)
Goles: 0-1 Yeremay (min. 5); 1-1 Suero (min. 13); 2-1 Jozhua (min. 46); 2-2 Pablo Vázquez (min. 56)
Incidencias: partido correspondente á 31ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado no Estadio SkiFi Castalia. Ambos os equipos saltaron ao terreo de xogo lucindo unha camiseta en contra do racismo e pousaron xuntos para os medios gráficos acompañados polo equipo arbitral