RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Deportivo afronta o seu debut copeiro en Murcia con 18 futbolistas, entre eles tres canteiráns e con Trilli de titular

O Deportivo afronta o seu debut na primeira eliminatoria da Copa do Rei mañá mércores 1 de decembro ás 20:00 horas (Footters) no Estadio de La Condomina ante o UCAM Murcia CF con 18 futbolistas, incluídos os canteiráns Noel, Trilli e Yeremay.

A eliminatoria será a partido único ao ser ambos os equipos da mesma categoría e ser extraída no sorteo a bóla do equipo murciano en primeiro lugar.

O técnico deportivista puido elixir entre todos os seus futbolistas, posto que todos están en condicións de competir, pero decidiu que sete futbolistas queden en Abegondo realizando mañá mércores tarefas de recuperación: Lapeña, Juergen Elitim, Miku, Víctor García, Jaime, Villares e Héctor Hernández. "Deixamos a xente que estaba a xogar de inicio (en liga) e leva un minutaxe alto", razoou Borja Jiménez na sala de prensa

O Dépor afronta a Copa do Rei, competición da que é bicampión, desde o liderado do grupo 1º de Primera RFEF, a pesar do empate do pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante o Athletic Club B.

O técnico deportivista confirmou ante os medios de comunicación a titularidade de Trilli mañá mércores no lateral dereito porque "temos depositadas nel moitas expectativas. O día que xogou contra o RC Celta B fíxoo fenomenal, é un xogador con moito futuro que a min persoalmente gústame. Mañá será o que inicie sabendo que é a demarcación onde máis xogadores temos; ou sexa que pode haber minutos para máis xente. Son xogadores que veñen de non competir ou sexa que veremos até onde dá o fol. Imos tentar que todos os xogadores que teñamos no cadro poidan participar, sabendo que non todos o farán".

Finalizada a sesión esta mañá en Abegondo, cun quecemento, rondos, un partido a tres cuartas partes do campo 2 e un ensaio de accións a balón parado, os convocados por Borja Jiménez viaxarán á primeira hora da tarde en avión desde o Aeroporto da Coruña a Alacante, vía Madrid, para despois desprazarse por estrada a Murcia.

O regreso á Coruña será o xoves 2 de decembro á primeira hora da mañá, vía Barcelona desde Alacante. O técnico deportivista dirixirá unha nova sesión ese día pola tarde, ás 19:00 horas, en ABANCA-RIAZOR a porta pechada.

Pola súa banda, o UCAM Murcia CF preséntase no Estadio de La Condomina despois de derrotar ao Algeciras CF (2-0) o pasado domingo no debut de Salva Ballesta no seu estadio. O técnico zaragozano, ex dianteiro de equipos como o Sevilla FC, Atlético de Madrid ou Málaga CF, substituíu a José María Salmerón o pasado 10 de novembro no banco do UCAM. Aos murcianos, que a temporada pasada disputaron o playoff de ascenso a Segunda División e que esta campaña teñen polo menos ese mesmo obxectivo, está a custarlles arrancar no grupo 2º: son actualmente décimo quintos con 16 puntos, tan só un por riba da zona de perigo.

Aínda que a Copa é unha competición distinta da liga, e os resultados sorpresa están á orde do día mesmo en equipos de distinta categoría, as referencias do UCAM Murcia CF no seu campo esta temporada en liga son tres vitorias ante Real Madrid Castilla (3-0), Sevilla Atlético (2-1) e a citada anteriormente ante o Algeciras CF (2-0); dous empates fronte a UE Costa Brava (1-1) e FC Andorra (1-1); e dúas derrotas ante o CD Castellón (0-1) e Atlético Sanluqueño (1-2).

O partido será especial para o deportivista Rafa de Vicente, posto que regresa á que foi a súa casa nas temporadas 2019-20 e 2020-21; ademais de coincidir con Salva Ballesta cando este dirixía ao filial do Málaga CF.