RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Óscar Gilsanz: "Agora mesmo temos que acelerar, meter unha marcha máis"

Óscar Gilsanz asegurou na sala de prensa de Abegondo que "agora mesmo temos que acelerar, meter unha marcha máis. Sabemos en que club estamos, o que representamos. Sabemos que o obxectivo é volver a Primera División, que os pasos que se van a dar é ir cara aí. Queremos acelerar para chegar ao final o mellor posible".

O técnico deportivista lembra que o Dépor "foi de menos a máis na competición. Nesas 21 xornadas que levo eu o equipo está a dar moi bo rendemento respecto de resultados. Dino os datos. Levamos nesta volta entre comiñas 2 puntos menos que o CD Mirandés e o UD Almería; 1 menos que a SD Huesca; e 3 menos que a UD Levante, que son os que seguen ao Elche CF. Quero pór en valor aos futbolistas, o traballo que están a facer pero estamos nun momento no que non podemos parar".

Nesa liña, desvelou que lles dixo aos futbolistas que "non podemos parar. Queremos máis. Este equipo ten un obxectivo claro que é volver a Primera División e encantaríame pór como foco ese obxectivo".

Pide "pór todo o que temos cada un para conseguir ese obxectivo. A ambición do equipo sempre ten que ir por diante e eu como adestrador esixirei acelerar".

O preparador branquiazul matiza que "acelerar é pór todos os recursos en seguir traballando ao máximo, en ser ambiciosos cada partido".

De feito, insiste en que "45 puntos non nos chega para nada. Necesitamos máis. Hai que acelerar no traballo diario para acelerar na competición".

Por conseguinte, subliña que "o ritmo ou a velocidade de cruceiro que leva o equipo debe manterse, debe ir sempre a máis e cruzar a meta á máxima velocidade que alcances".

Do Cádiz CF, apunta que "é un equipo que nas últimas semanas, sobre todo na chegada de Asier Garitano, leva unha moi boa serie en canto a resultados; cun cambio importante na dinámica en canto a ser un equipo máis sólido, máis hermético para os rivais en canto a facerlle ocasións de gol. Como equipo recentemente descendido é un equipo feito para ascender xa, con xogadores de Primera División. Lastroulle un pouco ese inicio e a medida que van pasando as semanas está a competir mellor".

Finalmente sobre as arbitraxes, Óscar Gilsanz confirma que o Club "está a facer o que debe e ante os estamentos establecidos para establecer uns criterios claros no tema do VAR, de decisións... O Club está a se mover e facendo todo o que está na súa man".