O vixente campión de liga, o FC Barcelona B, examina mañá sábado (12:00, Youtube RC Deportivo) ao Deportivo ABANCA, líder da Primera Federación Iberdrola con 21 puntos por 19 do Alhama CF e RCD Espanyol de Barcelona.
En rolda de prensa, Irene Ferreras cre que o encontro "nos vén nun gran momento. O equipo está con moita confianza, acumulando bos resultados, tamén con bos momentos de xogo".
As branquiazuis chegan ao partido despois dunha preciosa tarde de fútbol en ABANCA-RIAZOR o pasado domingo ante o Deportivo Alavés, resolta polas Nosas cun novo triunfo (2-1).
A preparadora deportivista sostén que "para todos nós foi un momento único, súper emotivo. A título persoal, a celebración do primeiro gol foi dos mellores momentos da miña vida a nivel profesional. Estamos agradecidísimas a como respondeu #ANOSAFORZA. Fixeramos apostas de canta xente podía vir e superaron as miñas expectativas".
Para o partido, todo o cadro está dispoñible. "Seguimos con moita sorte e parte tamén polo gran traballo do staff. E todas con ganas de sumar", concluíu Irene Ferreras.
Elena Vázquez será a representante de #ANOSACANTEIRA na citación de 18 futbolistas.
Pola súa banda, o filial azulgrana preséntase en Abegondo após derrotar na última xornada no seu campo (3-0) ao SE AEM.
Este resultado situou ao Barça B en 5º posición na táboa con 15 puntos.
Lonxe do seu campo esta temporada, as catalás caeron co RCD Espanyol (5-1) e CE Europa (2-1); e gañaron ao DUX Logroño (0-2) e Atlético de Madrid B (1-2).
O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva de Abegondo.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
O Club solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir aos partidos, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.
A xestión pode realizarse até completar o aforamento.
Así mesmo, tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.
Finalizado o encontro, As Nosas adestraranse de novo o domingo 19 de novembro ás 10:00 en Abegondo.