RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Rubén de la Barrera, novo adestrador do Real Club Deportivo

Rubén de la Barrera Fernández (A Coruña, 18 de xaneiro de 1985) converteuse hoxe en novo adestrador do Deportivo, facéndose cargo do equipo desde o adestramento de mañá en Abegondo.

Xunto ao técnico coruñés incorpóranse ao corpo técnico do primeiro equipo José Manuel Martínez Paz 'Secho' como segundo adestrador e Julio Hernando como preparador físico. Ambos regresan deste xeito á que fora a súa casa, un como técnico da canteira durante nove temporadas (2005-2013 e 2014-2015) e o outro na mesma función de responsable da parcela física do primeiro equipo durante tres campañas (2016-2019), respectivamente.

De la Barrera, que cumprirá 36 anos o vindeiro luns, iniciou a súa carreira como técnico no CD Villaralbo en Terceira División con 25 anos após pasar por diferentes equipos de formación do fútbol afeccionado coruñés.

O CD Guijuelo (2013-2014 e 2015-2016) abriulle as portas da Segunda B, adestrando entremedias ao filial do Real Valladolid. A súa experiencia máis prolongada foi á fronte da Cultural e Deportiva Leonesa, con 91 partidos e un histórico ascenso a Segunda División.

Após o seu paso por León foi durante media temporada segundo adestrador da Real Sociedad antes de volver situarse á cabeza dun corpo técnico no Ao-Ahli SC durante 17 encontros e esta temporada no FC Viitorul romanés durante 12 partidos.

A pesar de ser coruñés, De la Barrera nunca formou parte da disciplina deportivista, nin como xogador nin como técnico, aínda que si vestiu a camiseta branquiazul durante uns días cando era Alevín. Nunha época na que o Deportivo non contaba con equipos de Xuvenís cara abaixo, De la Barrera, que militaba no Ural CF, formou parte da selección coruñesa que representou ao Deportivo na IV edición do Torneo Nacional Alevín Interclubes, o coñecido popularmente como Torneo de Brunete, en 1997.