Trilli recibiu hoxe a alta médica e entrou nunha lista de convocados para recibir mañá sábado en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas, Footters) á UD San Sebastián de los Reyes formada por todos os xogadores dispoñibles.
Iso si, aclarou Borja Jiménez que o canteirán "hoxe terminou por primeira vez a sesión co grupo. Onte ao final fíxoo pero era unha sesión máis de descarga que outra cousa. Está nese proceso de reincorporarse ao grupo con total normalidade. Mañá estará na convocatoria por se fose obrigatorio que tivese que xogar pero temos que ir con cautela porque vén de seis semanas lesionado. Hai que ter paciencia non sexa que igual que a semana pasada tivo molestias pódenlle aparecer. Está dispoñible, pero por se fose obrigatoria a súa presenza, senón a idea é que non participe porque é demasiado pronto", concluíu o técnico ante os medios de comunicación.
Quedan fóra por lesión Pablo Trigueros, Valín e Alberto Benito.
Noel, Yeremay e Alberto, ademais do citado Trilli, son os representantes de #ANOSACANTEIRA para este encontro en ABANCA-RIAZOR correspondente á 8ª xornada de Primeira RFEF.
Na sesión desta mañá, após un quecemento con rondos e xogos de habilidade técnica, Borja Jiménez dispuxo unha serie de partidos en espazo reducido e a metade de campo; e un repaso de accións a balón parado para concluír.
Finalizado o choque, o técnico citou de novo ao seu cadro o domingo 17 de outubro ás 10:30 en Abegondo.
O rival, a UD San Sebastián de los Reyes, chega á Coruña con 13 puntos, os mesmos que o Dépor. Os madrileños acaban de derrotar no seu estadio ao Dux Internacional de Madrid (1-0) e na súa última saída, ante o UD Logroñés o pasado 2 de outubro, caeron pola mínima (1-0).
#ANOSAFORZA poderá acceder a ABANCA-RIAZOR co seu carné
Despois de 20 meses sen poder usar a chave persoal de #anosacasa que ten cada socia e socio do Dépor, por fin poderase volver entrar en ABANCA-RIAZOR co carné, co abono do Dépor 21-22, sen necesidade de retirar ningunha entrada. As persoas abonadas poderán ademais volver sentar na súa localidade de sempre, rodeados por esa gran familia que son todos os Deportivistas que lles acompañan na súa bancada para ver cada partido de #osnosos.
Para o partido de mañá contra a UD Sanse non hai que facer máis nada que levar o carné, unha máscara e acceder polas portas sinaladas en cada abono para volver vivir unha experiencia en ABANCA-RIAZOR case idéntica ás que o Deportivismo leva toda a vida gozando.
Entradas á venda para público con prezo especial para socios
Para este partido, o Club recupera tamén a venda de entradas para público. Os prezos oscilan entre os 28 euros da Tribuna Superior e os 8 de Pavillón Inferior, pero todos os socios e socias do Dépor dispoñen dunha oferta para comprar até 4 entradas por carné, con prezos que van dos 8 aos 4 euros en función da bancada (Esgotada Marathón Inferior).
Se se quere ir ao Estadio acompañado por outros Deportivistas que non son socios, esta é unha boa oportunidade. As entradas poden comprarse seguindo o mesmo método que se veu utilizando nos últimos partidos en ABANCA-RIAZOR.