RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Barbero, novo xogador do Dépor 2023-24

Iván Martínez Gonzálvez, máis coñecido como Barbero (Roquetas de Mar, Almería, 17 de agosto de 1998) converteuse en novo xogador do Dépor para as dúas próximas temporadas, até xuño de 2025.

O dianteiro centro andaluz, de 1,86 metros de estatura, acaba de completar unha gran campaña co CA Osasuna B en Primera Federación. Barbero disputou 35 partidos, 28 deles como titular, e marcou 13 goles, sendo o máximo anotador do 7º clasificado do Grupo 2 e o oitavo goleador da terceira categoría nacional.

Barbero, fillo dun ex porteiro de ampla traxectoria en Segunda División B do que herdou o alcume, formouse nas categorías inferiores do desaparecido CP Ejido, o AD Polideportivo Aguadulce e o Club Natación Almería. En categoría xuvenil foi fichado polo UD Almería e aos poucos meses subiu ao filial, co que debutou en Tercera División na campaña 2016-17.

No verán de 2017 asinou polo CA Osasuna, para incorporarse ao equipo B. Co filial pamplonica xogou dúas temporadas e media en Segunda B ou Primera Federación (81 partidos e 23 goles) e unha en Tercera División (36 partidos e 18 goles).

Entre medias, debutou co primeiro equipo rojillo, o 19 de decembro de 2019 en Copa del Rey ante o CF Lorca Deportiva, e foise cedido na segunda metade do curso 2019-20 ao UD Almería (10 partidos, 1 de titular, en Segunda División) e ao AD Alcorcón todo o exercicio 2020-21 (32 encontros, 10 de inicio, e 2 tantos, tamén na categoría de prata).

Na temporada 2021-22 incorporouse ao primeiro cadro osasunista, pero após participar pouco (6 partidos de Primera División e 1 de Copa del Rey), regresou ao comezo da 2022-23 ao filial, co que completou un ano fantástico.