O Dépor prepara xa en Abegondo unha visita ao Racing de Ferrol na que "non hai favoritismo"
O Dépor xa se adestrou esta mañá en Abegondo coa mente na visita ao Racing de Ferrol prevista para este sábado 29 de marzo ás 16:15 (Dazn) na Malata, correspondente á 33ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Onte en rolda de prensa en ABANCA-RIAZOR, Óscar Gilsanz apunta que "nesta categoría e nun duelo de proximidade como é o do Racing e o Dépor non hai favoritismo porque cando se vive un ambiente como o que se vai a vivir na Malata o vindeiro sábado todo se iguala".
O técnico deportivista lembra que "o CD Tenerife gañoulle ao Cádiz CF, polo que independentemente da clasificación os partidos son todos moi complicados; e un de rivalidade, moito máis aínda".
Por conseguinte, "para nada penso que sexamos os favoritos. O Racing vai tratar de dar a súa mellor versión para dar unha alegría aos seus afeccionados como nós tentamos facer o mesmo con #ANOSAFORZA".
Nunha chuviosa mañá, os titulares onte en ABANCA-RIAZOR ante o FC Cartagena unicamente realizaron a primeira parte da sesión, cunha activación con rondos.
Os demais tiveron ademais un exercicio de posición, unha tarefa de finalizacións e fútbol reducido para concluír.
Con Ximo Navarro de probas médicas, Escudero, Gauto, Jaime e Obrador tiveron adestramento personalizado.
Alberto, Samu e Mardones foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.
Mañá martes hai xornada de descanso. Os Nosos regresan aos adestramentos o mércores ás 11:00 en Abegondo.