RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dubarbier: "Hai que ter cabeza e ser pacientes. A liga é longa"

Sebastián Dubarbier pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo, minutos antes de iniciar o adestramento matinal.

O defensor deportivista cre que o equipo, xa na recta final da pretemporada, "foi en progresivo, como se ve notoriamente para ben. Estamos todos contentos co que queremos. Temos que ir mellorando. Queda outra semanita que é fundamental".

Opina que os dous últimos amigables do verán, ante CD Lugo mañá mércores 8 de agosto no Anxo Carro (20:30 horas) e ante o Oviedo o sábado 11 en Foz (19:00 horas), "a nós sérvenos enfrontarnos a equipos do nivel. Van ser partidos importantes, pero non decisivos. A pretemporada está para practicar cousas que facemos durante a semana. Pódense cometer máis erros que nun partido de liga".

Dubarbier asegura que se verá en liga un Deportivo "máis ou menos como o vimos vendo. Un equipo que quere xogar, que quere a pelota e que tenta ter o dominio do partido".

Recalca que hai que sacarse da cabeza a presión de ser un dos favoritos e "facer o traballo que temos que facer cada un individualmente. Iso vainos a levar ao triunfo. Sempre hai que pensar no momento, no segundo a segundo das cousas que temos que facer dentro da cancha. Iso é o que che leva á vitoria".

Para formar un equipo, advirte o defensor arxentino, "necesítase tempo, respecto e saber escoitar. Son cousas importantes para formar un bo equipo".

Afirmou descoñecer que nos dous últimos descensos do Dépor foise capaz de subir á seguinte temporada: "Acábome de decatar. Non hai presión sobre iso. Son tempos diferentes, grupos diferentes, equipos diferentes. Todos os que estamos aquí traballando, e vostedes tamén, queremos subir todos o primeiro ano e xa. Pero hai que ir día a día, con traballo. Son os momentos que temos que pasar na temporada que van ser bos, van ser malos. Non podemos gañar todos os partidos. Así que hai ter cabeza e ser pacientes. É longa a liga".

Neste sentido, avisa que a competición en Segunda, categoría que coñece moi ben Dubarbier, "está moi ben. Hai moi bos equipos. Vai ser unha liga moi competitiva".

Preguntado polo ensaio de accións de estratexia, insiste en que "hai moitas cousas que traballar en todos os sentidos. Hai moitos aspectos que fan a un equipo e que son importantes. Os detalles nos partidos son moi importantes. É un traballo que estamos a facer, estamos a melloralo e cada día vai ir mellor".

Recalca que non prexudica ao grupo a circunstancia de ser unha defensa nova: "Somos todos xogadores profesionais, porteiros con experiencia, defensores con experiencia. Coñecemos todos a forma de defender, a forma de levar a cabo unha defensa zonal ou persoal. Levámolo ben e iso é un punto fundamental no ano porque moitos goles son de pelota parada. Esperemos que salga todo ben".

Finalmente, a nivel persoal, explica que "sinto cómodo" co que lle pide Natxo González e o seu sistema: "Por sorte hai competencia, que iso é importante e faiche render sempre ao máximo. Co sistema táctico é primordial que os laterais suban ao ataque". "Co rombo hai que subir e é fundamental chegar por banda tamén. Nese sentido, temos unha responsabilidade maior que noutros sistemas. Ao final, como lateral que me gusta subir e botar unha man en ataque, non me senta mal", apostila.