O adestramento de mañá, clave para Sidnei, Schär, Pantilimon e Gerard
O adestramento de mañá venres, fixado ás 10:30 horas en Abegondo, será definitivo para saber se Cristóbal Parralo pode contar en Sevilla este sábado 2 de decembro (18:30 horas, Bein LaLiga) con estes xogadores: Sidnei, Fabian Schär, Costel Pantilimon e Gerard Valentín.
O central brasileiro adestrouse estes últimos días con normalidade e está a expensas dunha valoración definitiva dos médicos após finalizar mañá venres o traballo sobre o céspede.
Pola súa banda, Schär probarase mañá despois de sufrir onte nas Palmas unha contusión nasal. Farao cunha protección específica na zona danada.
Tamén Pantilimon e Gerard comprobarán as súas sensacións despois das molestias coas que acabaron onte o choque no Estadio Gran Canaria: no oblicuo o primeiro e nos isquiotibiais o segundo.
Causan baixa para o choque ante o Sevilla Zakaria Bakkali, que hoxe comezou a realizar tarefas co readaptador Fran Molano; Luisinho e Bruno Gama.
Podes consultar aquí o estado físico do cadro deportivista: