RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor di adeus á Copa del Rey no tempo engadido da prórroga (2-3)

O Deportivo caeu ante o CD Tenerife na segunda eliminatoria da Copa del Rey, nun partido que acabou decidíndose cun gol canario no tempo engadido da segunda parte da prórroga.

O técnico deportivista, Imanol Idiakez, realizou oito cambios con respecto ao once inicial do pasado domingo no Estadi Johan Cruyff ante o FC Barcelona Atlètic. Só repetiron Paris Adot, Pablo Martínez e Jose Ángel e foron novidade Mackay, Jaime, Dani Barcia, Hugo Rama, Rubén López, Cayarga, Pablo Valcarce e Mella.

O Deportivo abriu o marcador no primeiro achegamento claro do partido. Un pase de Pablo Valcarce ás costas do lateral dereito Jesús controlouno Mella, que se foi por velocidade e plantouse ante Tomeu Nadal. O porteiro visitante desviou o primeiro remate, o coiro estrelouse no pau dereito, e á segunda, cando a pelota lle caeu de novo, o canteirán abriu o marcador practicamente a porta baleira.

O CD Tenerife, aínda que tivo maior posesión, non atopou fisuras na defensa deportivista durante moitos minutos. O primeiro disparo visitante chegou no minuto 26. Alexandre, o ex fabrilista coñecido aquí como Álex Corredera, tirou coa esquerda desviado despois de facerse co esférico no rexeite dun córner. Á media hora, Ángel cabeceou por riba do traveseiro da meta deportivista.

A primeira metade pouco máis deu de si. E a segunda continuou por un camiño similar, cun conxunto canario que tratou de madurar o partido, de alargar as posesións para tratar de encerrar aos branquiazuis. Con todo, de novo a primeira gran oportunidade tívoa o Dépor, no minuto 57, despois dunha veloz diagonal cara á área de Pablo Martínez, que cedeu á esquerda para Mella, cuxo remate sacou coas pernas Tomeu Nadal.

O Deportivo desperdiciou a oportunidade de abrir brecha e, como adoita ocorrer, cumpriuse unha das leis do fútbol, posto que só tres minutos despois chegou o empate. Nacho rematou de socato un centro desde a dereita batendo a Mackay para reestablecer as táboas no marcador.

O Dépor gañou forza no tramo final da segunda parte. No minuto 62, un zurdazo de Hugo Rama desde a frontal, con bote previo, detívoo Tomeu Nadal en dous tempos. No minuto 73, Imanol Idiakez xogouse o todo polo todo introducindo a Yeremay e Lucas por Paris Adot e Pablo Valcarce. Pouco despois, unha acción do '7' con centro ao segundo pau non a rematou por pouco Cayarga. O CD Tenerife só achegouse con claridade no minuto 79, cando Sergio González cabeceou frouxo a mans de Mackay nunha falta lateral.

Os branquiazuis tiveron a oportunidade de levar a eliminatoria na prolongación. Rubén López roubou a pelota ao bordo da área tinerfeña. Kevin tirou un recorte un pouco longo e Tomeu Nadal anticipóuselle por unha décima de segundo á saída aos seus pés.

Como na primeira rolda ante o CD Covadonga, houbo que ir á prórroga. A primeira ocasión no tempo extra tamén foi para o Dépor. Kevin quedou man a man pola dereita após un pase en profundidade de Davo pero Tomeu Nadal desviou o seu remate a córner co pé.

O CD Tenerife adiantouse no marcador aos 10 minutos da prórroga, cando un centro-chute ao segundo pau de Álvaro Romero coouse directamente na portería coruñesa. Antes do descanso, Jose Ángel disparou frouxo desde a frontal da área, a mans de Tomeu Nadal, ao recoller o rexeite dunha falta colgada por Lucas, e no tempo engadido, Sergio González peiteou unha falta lateral e Mackay respondeu cunha man salvadora.

A segunda parte da prórroga arrancou co 2-2. O Deportivo empatou no minuto 107, ao cabecear Kevin, no segundo pau e practicamente sen ángulo, un centro de Davo desde a dereita do ataque coruñés. Pouco despois, o equipo herculino quedou cun home menos, ao ver Jose Ángel a segunda cartolina amarela. Aguantou con firmeza o Dépor durante máis de 10 minutos en inferioridade, pero cando xa se atisbaba a quenda de penaltis, xa na prolongación, un centro de Roberto López desde a dereita cabeceouno Alassan, rexeitouno Mackay e Sergio González, despois dun dobre remate, levou o esférico ao fondo das mallas para dar a vitoria e a clasificación ao CD Tenerife.

RC Deportivo: Mackay, Paris Adot (Yeremay, min. 73), Jaime (Pablo Vázquez, min. 96), Dani Barcia, Pablo Martínez, Hugo Rama (Diego Villares, min. 63), Jose Ángel, Rubén López, Cayarga (Kevin, min. 87), Pablo Valcarce (Lucas, min. 73) e Mella (Davo, min. 63).

CD Tenerife: Tomeu Nadal, Jesús (Aitor Buñuel, min. 61), Amo, Sergio González, Nacho, Bodiger (Salifo, min. 112), Elady (Alassan, min. 61), Alexandre (Pablo Hernández, min. 77), Roberto López, Teto (Álvaro Romero, min. 87) e Ángel (Loïc, min. 77).

Goles: 1-0 Mella (min. 10); 1-1 Nacho (min. 60); 1-2 Álvaro Romero (min. 101); 2-2 Kevin (min. 107); 2-3 Sergio González (min. 120+2).

Árbitro: Luis Mario Milla Alvendiz (c. andaluz). Expulsou a Jose Ángel por dobre amarela (min. 109). Cartón amarelo a Sergio González (min. 33), Pablo Valcarce (min. 42), Elady (min. 48), Jose Ángel (min. 73), Pablo Martínez (min. 105+1) e Pablo Hernández (min. 115).

Incidencias: partido correspondente á 2ª eliminatoria da Copa del Rey disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 18.594 espectadores.