O Fabril concluíu este mediodía en Abegondo cun empate sen goles ante o Real Avilés Industrial unha intensa semana na que ademais houbo vitorias en Guijuelo (domingo 16) e en Santiago (mércores 19), neste caso en partido aprazado no mes de xaneiro polo temporal correspondente á 20ª xornada.
"Foi un partido moi disputado con poucas alternativas de cara a porta, con moito ritmo, moito control", declarou Manuel Pablo na rolda de prensa pospartido.
Con este resultado, o filial é 5º na táboa da Segunda Federación con 44 puntos.
Debido a que era o terceiro partido da semana, Manuel Pablo fixo varios cambios no once respecto ao do pasado mércores coa entrada de Alberto, Marotías, Carreira, Fabi, Bil e no lateral dereito Mario Hermo, un futbolista xuvenil que mesmo esta semana se adestrou co primeiro equipo.
O partido empezou con ritmo e cos dous equipos mirando á área rival aínda que sen ocasións claras.
O primeiro disparo con intención foi para Manu Ferreiro aos 20 minutos. O centrocampista xuvenil, autor dun dos goles da temporada o pasado mércores en Santiago ante a SD Compostela, métese na área favorecida por un rebote e xuta moi alto ante a meta Álvaro.
A seguinte, á media hora, tamén foi fabrilista. Bil peitea un saque de falta lateral lanzada por Manu Ferreiro. O balón foise rozando o pau esquerdo da meta asturiana.
Con moita pelexa no mediocampo chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, o partido arrincou coa mesma tónica: máxima igualdade.
"Na segunda parte custounos máis. Poida que pasounos factura o partido do mércores. Non eramos capaces de saír rápido. Vía cansazo. Polo menos competimos até o final" declarou o preparador fabrilista.
Manuel Pablo tratou de cambiar o ritmo coa entrada de Guerrero por Mane e de Kevin, autor dos dous tantos do partido en Avilés, por Fabi.
A mellor ocasión do partido foi para Guerrero, que se plantou só ante Álvaro. O canteirán estrelou o balón no corpo do porteiro do Real Avilés Industrial.
Dous minutos antes, o colexiado Adrián Veiga Portilla anulou un gol a Bil por fóra de xogo. O ariete fabrilista recibiu ao espazo un gran pase de Kevin.
O partido acabou con aproximacións de ambos os equipos aínda que sen oportunidades claras. "Non tivemos moitas situacións de gol. Defenderon bastante ben. É un rival con bos xogadores, xogadores fortes que gañan duelos", concluíu Manuel Pablo.
A próxima fin de semana, a Fabril visita ao Coruxo FC.
Fabril: Alberto, Mario Hermo, Damián Canedo, Marotías, Íker Vidal, Carreira (Jaime Garrido, min. 66), Alfaro, Mane (Guerrero, min. 58), Manu Ferreiro (Luisao, min. 66), Fabi (Kevin Sánchez, min. 58) e Bil (Darío Germil, min. 84)
Real Avilés Industrial: Álvaro F., Soler, Jose, Babin, Osky, Mecerreyes (Edu Cortina, min. 70), Gete, Isi Ros (Nico Fernández, min. 46), Santamaría (Natalio, min. 84), Javi Cueto (Momoh, min. 80) e Alarcón (Davo, min. 46)
Árbitro: Adrián Veiga Portilla do comité cántabro. Amoestou a Roberto Alarcón (min. 13), Isi Ros (min. 45), Soler (min. 62), Carreira (min. 63) e José Martínez (min. 76). Expulsou ao adestrador do Real Avilés Industrial, Javi Rozada, no minuto 86
Incidencias: partido correspondente á 28ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación. Nos prolegómenos, o Real Avilés Industrial entregou un brazalete ao Fabril como homenaxe aos 25 anos do título de liga de Primera División conquistado polo RC Deportivo.