Raquel García admite que "está caro estar en Liga F"
Raquel García subliñou esta mañá na sala de prensa de Abegondo "o competitiva que está a ser agora esta Liga F. Calquera rival pode facer dano a calquera rival. Está a demostrarse que os de abaixo están a apertar, que na xornada anterior dos 6 primeiros puntuaron moi poucos e está caro o estar en Liga F".
Insiste en que "está todo moi igualado. Tamén fai bonita a competición porque non te podes relaxar nin en ningún partido nin os de abaixo nin os de arriba. Todos os equipos estamos a competir moi ben e iso fai que todos os partidos sexan moi competidos, que a liga estea aberta e que a zona baixa da táboa estea moito máis igualada".
Do partido no Estadio Alfredo Di Stéfano foise cunha sensación "un pouco agridoce. É verdade que estamos felices porque é un punto nun campo complicadísimo, onde practicamente ningún equipo puntuou. Ao adiantarnos no marcador veste con esa esperanza de poder conseguir os puntos. Pero o traballo foi brutal de todo o equipo e ímonos bastante felices".
Sobre a cita deste domingo 23 de marzo en ABANCA-RIAZOR ante o UD Costa Adeje Tenerife Egatesa (12:00, Dazn) admite que (o da primeira volta) foi "un partido que nos deixou marcadas como equipo. Demos un cambio moi grande desde ese partido, que nos fixo reformularnos moitas cousas como equipo e a partir dese mesmo partido evolucionamos moito. Viuse en canto á competición, en canto a resultados. Temos moitas ganas de volver enfrontarnos a elas e ver en que momento estamos".
Finalmente do conxunto canario, Raquel resalta que "ten moita experiencia. Leva moitos anos en Liga F, ten un modelo de xogo claro no que cada xogadora achega as súas características moi ben ao equipo. Pódenos facer moito dano, pero tamén nós podemos contrarrestarlles e crearlles moito perigo".