RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Salva Sevilla asegura que o Dépor é doutra categoría, de Primeira División dos de arriba

Salvador Sevilla López, máis coñecido como Salva Sevilla (Berja, Almería, 18 de marzo de 1984), foi presentado esta mañá como novo xogador do Dépor até xuño de 2024.

O novo centrocampista branquiazul pousou para os compañeiros gráficos no campo principal da Cidade Deportiva.

Xa na sala de prensa, Fernando Soriano, Director Deportivo, resaltou a súa longa traxectoria profesional no fútbol español e que "vén achegar toda a súa experiencia e sabedoría nisto do fútbol".

Pola súa banda, Salva Sevilla confesou que o seu pase ao Dépor "foi moi rápido, moi fácil. Falei con Fernando e entendémonos/entendémosnos moi rápido. Rexeitara propostas doutros equipos. Cando te chama un Club como este tes que pensar moi pouco. O Dépor é un club moi importante, de Primeira División dos de arriba e estou moi contento de estar aquí".

Asegura que vén "dalo todo, a pelexar por esta camiseta, polo obxectivo que ten o Club e traballar ao máximo".

Con 6 ascensos ás súas costas ao longo da súa carreira, desexa volver vivilo na Coruña: "Isto é un Club doutra categoría, de Primeira División da zona alta. É o que tentaremos facer".

Tamén vai a tratar de repetir en ABANCA-RIAZOR a cifra de partidos das súas últimas temporadas, por exemplo a pasada no Deportivo Alavés, onde xogou 36 de Liga, 2 de playoff de ascenso e 4 en Copa: "A cifra foi moi boa e quero volver facelo. Atópome moi ben. Tiven unha pequena lesión ao acabar a temporada que non me permitiu estar nas mellores condicións este verán. Veño coa intención de facer un bo ano, de sumar, achegar, de axudar e conseguir o obxectivo que ten este Club que non debe ser outro que volver ao fútbol profesional".

Salva Sevilla recoñece que ten "esa experiencia que a xente nova non pode ter. É unha mestura boa que hai no equipo, experiencia e xente nova. Dáche un plus e nós os máis veteranos temos que axudar a esa xente. Este é un club moi importante con esa esixencia, esa presión. Iso gústalle ao xogador tamén e fai que as cousas vaian mellor. Tentarei axudar no que poida e tirar do carro cando haxa que facelo".

Lesionado precisamente a finais da temporada pasada, resalta que esa circunstancia "non me permitiu facer unha pretemporada como fixeron os compañeiros porque era importante e hai que ter precaución. Días antes de chegar aquí xa estaba a adestrar a bo ritmo, as sensacións son moi boas, non me molesta nada. E si hai que ter un pouco de precaución para que non haxa recaídas, pero en pouco tempo estarei ao ritmo dos compañeiros".

O segredo da súa longa carreira profesional estriba en "a ilusión e as ganas que ti teñas por xogar ao fútbol. E iso a min sóbrame. Gústame demasiado o fútbol. A esta idade tesche que coidar moito, fágoo. Hai que coidar a alimentación, o descanso, tratarme, facer traballo preventivo antes..."

Finalmente, despois do vivido no play off de ascenso a Primeira División co Real Mallorca, quere "en primeiro lugar pedir desculpas a #ANOSAFORZA. A xente que me coñece saben que non era a miña intención molestar a ninguén, nin ofender a ninguén. Foi un simple pique que pode pasar en calquera partido, en calquera play off. Hai moitos nervios, moita tensión. Perderamos en ABANCA-RIAZOR 2-0 e dábannos por mortos. Démoslle a volta e dixen cousas que non tiña que dicir pero todo debe de quedar aí. Son unha persoa dentro do campo e outra fose. Defendo as cores do Club ao que pertenzo da mellor maneira. E iso vou facer aquí tamén. Hai que ter carácter, defender o teu a matar e saber que cando saltas a un campo o rival consegue un obxectivo ou os consegues ti. Iso vou facer aquí, defender ao Dépor da mellor maneira, a matar".

Despois desa eliminatoria, desvela que "seguiu moito" ao Dépor: "Falei con xogadores que estiveron aquí, co psicólogo que estaba aquí e logo tiven en varios equipos. O ano pasado seguimos no vestiario o play off contra o CD Castellón. É un equipo que por circunstancias está onde está pero non merece estar aí. Só tes que mirar a afección, os socios que ten, os desprazamentos que fai, como trata ao xogador... É un equipo con moita historia, de categoría superior, de Primeira da zona alta", conclúe.