RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Táboas no derbi baixo unha calor abafante en Abegondo (0-0)

Fabril e SD Compostela empataron sen goles un partido marcado polas abafantes temperaturas rexistradas en Abegondo, tralo cal o filial deportivista enlaza catro xornadas consecutivas sen coñecer a derrota.

O Fabril comezou dominador. Froito diso, Lache bateu durísimo coa súa bota dereita un balón despexado en curto pola zaga, pero o esférico perdeuse á dereita da portería. Corría o minuto 4.

O Compos, dirixido polo ex xogador deportivista Manel, saíu cunha presión moi alta e tratou de sacar petróleo do xogo aéreo de Manu Barreiro. Grazas a iso, xerou a súa mellor ocasión no minuto 9. Hugo Matos, após un pelotazo de Pato Guillén ao que seguiron unha peiteada de Manu Barreiro e un lixeiro toque de Parapar, quedou man a man con Brais Suárez pero o porteiro branquiazul interveu felizmente para evitar o gol.

Lache volveu tentalo no minuto 12, nun libre directo que se perdeu por encima do traveseiro. A forte calor, ao redor de 36ºC en Abegondo á hora do inicio do partido e que provocou a pausa de hidratación á media hora de xogo, fixo baixar rapidamente o ritmo a ambos os equipos. E iso fíxose notar nas oportunidades de gol, pois a seguinte non chegou até o minuto 37, nunha cabezada franca de Diego Gómez, que picou en exceso a pelota, a centro de Iano Simão. O balón foise por r bado traveseiro tralo bote.

Os visitantes responderon no tempo engadido cun zurdazo alto de Pablo Antas desde a media lúa despois dunha deixada atrás de Jaime Santos a un balón colgado, como non, cara a Manu Barreiro.

A segunda metade comezou cun cambio nas filas fabrilistas, quedando no vestiario Somolinos para que Pereira saltase ao terreo de xogo. E cunha gran oportunidade para os coruñeses, cando Jairo estrelou o balón no pau dereito, case sen ángulo despois de recortar a Pato Guillén após interceptar unha cesión cara ao porteiro santiagués.

As altas temperaturas tamén se fixeron notar nunha segunda parte menos intensa na ofensiva por parte de ambos os equipos. Non foi até o minuto 75 cando algún equipo roldou o gol. Foi nun canonazo de Brais Val que se escapou por pouco por riba do traveseiro. Xusto despois produciuse a segunda pausa de hidratación.

O conxunto compostelán deu un paso adiante no tramo final. No minuto 81, Roi cabeceou frouxo un centro de Samu Araújo, a mans de Brais Suárez. Dous minutos despois, Brais Suárez evitou que a pelota se introducise na portería fabrilista nun despexe cara atrás de Marotías após unha cabezada de Hugo Matos. No minuto 85, Manu Barreiro cabeceou rozando o traveseiro unha falta lateral colgada por Samu Araújo. E poucos segundos despois, Pep Caballé capturou un balón rebotado no segundo pau e disparou coa zurda preto do pau esquerdo da meta herculina.

O marcador non se moveu e o Fabril sumou así a súa cuarta xornada consecutiva sen perder, alcanzando 9 puntos despois de 6 xornadas nas que unicamente perdeu un encontro.

Fabril: Brais Suárez, Lache (Mardones, min. 89), Somolinos (Pereira, min. 46), Marotías, Iano Simão, Brais Val, Barba, Diego Gómez, Jairo (Thymos, min. 67), Vilán (Iñaki, min. 77) e Kevin (Mati Castillo, min. 77).

SD Compostela: Pato Guillén, Pep Caballé, David Soto, Álvaro Casas, Samu Araújo, Pablo Antas, Antón de Vicente, Parapar (Roi, min. 76), Jaime Santos, Hugo Matos e Manu Barreiro.

Árbitro: José Antonio Fernández Rodríguez (c. galego). Cartón amarelo a Pep Caballé (min. 10), Manu Barreiro (min. 45), Antón de Vicente (min. 52), Pablo Antas (min. 71) e Iñaki (min. 84).

Incidencias: partido correspondente á 6ª xornada do Grupo 1 de Segunda Federación disputado na Cidade Deportiva de Abegondo.