Un Fabril con 3 xuvenís no seu once inicial, e 2 deles ademais goleadores, venceu no Estadio Vero Boquete de San Lázaro á SD Compostela en partido correspondente á 20ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación aprazado o pasado mes de xaneiro polo temporal.
Con este resultado, o filial deportivista suma 43 puntos asentado na 5ª posición da táboa.
Foron baixa por lesión Noé, Pablo García e Álex Pereira; ademais de Fabi e Marotías, sancionados.
Empezou ben o conxunto de Manuel Pablo ante un rival aguilloado pola súa mala clasificación.
Alfaro, autor de goles decisivos como ante o UM Escobedo ou o CD Guijuelo, dispuxo da primeira opción. O seu disparo foise demasiado alto.
Pronto as aproximacións fabrilistas foron constantes sobre a portería da SD Compostela, protagonizadas sobre todo por Mane por banda dereita.
Precisamente Mane puido marcar á media hora de partido. Xutou raso desde fóra da área rozando o pau compostelanista.
Dous minutos despois adiantouse o Fabril. Nunha rápida transición, Kevin Sánchez recibe en banda dereita e mete un gran pase ao centro onde, libre de marca, Guerrero bate ao meta santiagués Rabanillo.
A última do primeiro tempo foi tamén para Guerrero, que cabeceou sen precisión un centro de Alfaro.
Após o descanso, chegou a sentenza. O xuvenil Manu Ferreiro marcou un dos goles da temporada. Rouba ao bordo da área fabrilista, chega case ao medio do campo, ve a Rabanillo adiantado e anota o segundo tanto de espectacular vaselina.
Con este gol o Compos, nunha situación desesperada, tentou apertar para achegarse no marcador aínda que sen apenas inquietar a Hugo Ríos.
O Fabril optou por defenderse co balón e xogar co nerviosismo dos locais, o que provocou numerosas faltas dos santiagueses.
Os de Manuel Pablo sentenciaron o partido con outro gran gol, esta vez de Jaime Garrido desde fóra da área. O mediocentro recolleu un rexeite da defensa após un remate inicial de Guerrero e bateu a Rabanillo.
A última opción do Compos de recortar diferenzas foi unha internada na área de Bruno Scorza, que estrelou o balón no corpo de Hugo Ríos.
Sen máis ocasións finalizou o encontro.
O vindeiro domingo 23 de marzo ás 12:00 (YouTube RC Deportivo) o Fabril recibe en Abegondo ao Real Avilés Industrial, 4º cun punto máis que os fabrilistas.
SD Compostela: Rabanillo, Roque, M. Rivas, Álvaro Casas (Bruno Scorza, min. 70), David Soto, Carlos Pérez, Hugo Matos (Manu Barreiro, min. 56), Markitos (Samu, min. 56), Fausto Tienza (Selasi, min. 56), Santi de Prado e Fer Cano (Íker Gil, min. 56)
Fabril: Hugo Ríos, Mardones (Aarón Sánchez, min. 67), Samu, Damián Canedo, Íker Vidal, Kike Fernández (Jaime Garrido, min. 67), Alfaro, Guerrero, Manu Ferreiro (Luisao, min. 67), Mane (Carreira, min. 76) e Kevin Sánchez (Darío Germil, min. 76)
Árbitro: Miguel Oliveira Dios, do comité galego. Amoestou a Tienza (min. 53), Manu Rivas (min. 64), Álvaro Casas (min. 68), Santi de Prado (min. 71), Carlos Pérez (min. 80)
Goles: 0-1 Guerrero (min. 32); 0-2 Manu Ferreiro (min. 46); 0-3 Garrido (min. 82)
Incidencias: partido correspondente á 20ª xornada disputada no Estadio Vero Boquete de San Lázaro