O Dépor arrinca a semana de traballo con Nemanja Tošić xa no grupo
O Dépor arrincou esta mañá en Abegondo a semana de adestramentos previa á visita da UD Almería a ABANCA-RIAZOR prevista para o domingo 9 de febreiro ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion).
A novidade foi a presenza de Nemanja Tošić, a última fichaxe deportivista neste mercado de inverno recentemente concluído.
En realidade o de hoxe foi o seu segundo día de traballo, posto que o defensor serbio xa se exercitou onte martes, xornada de descanso para o cadro, cos preparadores físicos do equipo.
Tošić completou toda a sesión con normalidade posto que neste tramo inicial da temporada vén de competir co Zúric FC na Súper Liga suíza.
Óscar Gilsanz dispuxo unha activación con roldo, un xogo de posición e fútbol reducido, de alta intensidade. A sesión concluiu cun partido no campo 3 e, simultáneamente, un exercicio de finalizacións para os dianteiros.
Ademais de Escudero, estiveron con adestramento personalizado Mfulu e Germán Parreño. Ambos quedaron no ximnasio cos readaptaadores, Alejandro Canosa e Nando Rodríguez.
Así mesmo, Alberto, Kevin Sánchez e Hugo Ríos foron os representantes de ANOSACANTEIRA.
Mañá xoves Os Nosos adestraranse de novo a partir das 11:00 en Abegondo.