O Deportivo regresa ao fútbol profesional pola porta grande, ao lograr matematicamente o ascenso á segunda categoría nacional cando aínda restan dúas xornadas após impoñerse ao FC Barcelona Atlètic, o único rival no grupo 1 de Primera Federación que aínda podía arrebatarlle a primeira posición.
Imanol Idiakez, técnico deportivista, apostou polo seu once fetiche, o mesmo que atopou o camiño do ascenso mercé a unha segunda volta de ciencia ficción. Os deportivistas só perderon un dos últimos 25 encontros e suman 14 vitorias e 3 empates nos últimos 17 partidos. Ou o que é o mesmo, 45 dos últimos 51 puntos en xogo.
ABANCA-RIAZOR apertou de inicio e o Dépor afogou a saída do balón do Barça Atlètic. Os branquiazuis recuperaron moitas posesións en campo contrario, pero aínda así non puideron xerar ocasións claras de gol, máis aló dun libre directo de Lucas que Astralaga desviou a córner no minuto 9.
O primeiro ataque claro do filial barcelonista produciuse no minuto 12, cando Unai controlou un balón entre liñas completamente só e conectou en profundidade para Pau Víctor. Balenziaga chegou desde atrás para evitar o disparo do dianteiro visitante.
O Dépor volveu á carga, cando no minuto 19 Yeremay disparou desde o bordo da área. O dereitazo do '10' detívoo Astralaga en dous tempos. Máis complicada foi a acción no minuto 24 para Germán, que desbaratou coas súas pernas un man a man de Marc Guiu, que tratou de superalo cun sutil toque raso.
Ao fío da media hora, os branquiazuis gozaron dunha gran ocasión, nun contragolpe conducido pola esquerda por Yeremay, con balón en profundidade para Lucas, que lle gañou o corpo a corpo a Mikayil e sobre a liña de fondo esperou a chegada dun compañeiro. O seu pase cara a Mella, con todo, cortouno o gardameta azulgrana.
O último cuarto de hora da primeira metade desenvolveuse con dominio alterno e sen achegamentos perigosos á portería contraria por parte de ningún dos dous equipos.
Nada máis comezar a segunda parte, Lucas dispuxo dunha inmellorable oportunidade para abrir o marcador. Non transcorreran nin 35 segundos cando recibiu un pase en profundidade de Yeremay. Un pouco escorado á esquerda, o '7' picou sobre a saída de Astralaga pero a pelota perdeuse rozando o pau esquerdo do marco azulgrana.
Dous minutos despois, saída en tromba após un córner en contra, con Yeremay pola dereita lanzando en longo para Lucas, con todo o campo contrario por diante sen defensas. O pase do '10' quedou un pouco curto, o que obrigou a Lucas a ir ao corpo a corpo con Pelayo, que lle gañou a partida.
No minuto 55 iniciouse a xogada decisiva. Ximo Navarro dobrou por dentro a Mella, que centrou á área e, após rebotar nun defensa, o coiro foi á cabeza de Barbero. O '9', en posición franca, topouse coa testa dun defensa, que desviou a córner. O saque de esquina acabou cun balón dividido ao bordo da área no que Pablo Martínez se adiantou a Moha Moukhliss, que derrubou ao central francés. O libre directo coouno maxistralmente Lucas na meta catalá, cun durísimo golpeo ao pau do porteiro, para converter o seu gol número 12 no presente campionato e o número 55 coa camiseta branquiazul en partido oficial.
Co marcador a favor, o Dépor soubo controlar o partido e mesmo Mella, no minuto 61, estivo a piques de abrir maior brecha no marcador. O '3' protagonizou unha sensacional acción individual que finalizou cun zurdazo desde a media lúa co que sacou achas do pau dereito.
O Barça Atlètic apertou pero máis aló de colgar balóns en accións a balón parado e algunha chegada con centro lateral non xerou ocasións claras. No minuto 77, Moha Moukhliss disparou duro desde o bordo da área após despexe dun córner, pero o balón foise á dereita da portería branquiazul.
Os branquiazuis puideron sentenciar no minuto 84, nun dereitazo raso e cruzado de Davo após recibir un cambio de orientación de Lucas. Astralaga intervinó providencialmente para rexeitar a saque de esquina.
Xa daba igual. A pesar dos 7 minutos de engadido, o Dépor soubo xogar co cronómetro e alcanzar o asubío final cos tres puntos no peto que valen o ascenso despois de 4 campañas no terceiro chanzo do fútbol nacional.
RC Deportivo: Germán, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Balenziaga, Diego Villares, Jose Ángel, Mella (Rubén López, min. 74), Lucas, Yeremay e Barbero (Davo, min. 74).
FC Barcelona Atlètic: Astralaga, Marc Casadó, Pelayo (Olmedo, min. 62), Mikayil, Gerard Martín, Moha Moukhliss (Guillermo, min. 78), Bernal, Unai (Darvich, min. 89), Naim (Pocho, min. 89), Marc Guiu (Cuéllar, min. 78) e Pau Víctor.
Gol: 1-0 Lucas (min. 57).
Árbitro: Daniel Palencia Caballero (c. vasco). Expulsou con vermella directa ao adestrador visitante, Rafa Márquez, á conclusión do partido. Cartón amarelo a Mikayil (min. 5), Marc Guiu (min. 43), Moha Moukhliss (min. 56), Pau Víctor (min. 90+2), Lucas (min. 90+5) e Yeremay (min. 90+7).
Incidencias: partido correspondente á 36ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 31.833 espectadores, nova marca histórica de afluencia nun partido da categoría.