O Fabril impúxose en Abegondo ao Bergantiños CF en "un partido con moitas alternativas" tal e como o definiu Manuel Pablo na sala de prensa.
Este resultado consolida ao filial, con 47 puntos, nas posicións de play off. Ocupa unha provisional 3ª praza posto que o Real Ávila CF ten 46 e o Real Avilés Industrial 45 aínda que con 2 partidos menos xogados cada un.
Foron baixa os lesionados Álex Pereira, Noé e Pablo García; ademais de Guerrero, sancionado por acumulación de amoestacións.
O partido empezou con moito ritmo. Así, dous minutos tardou o Fabril en xutar a porta. Alfaro conduce no medio campo e mete un balón en profundidade a Kevin Sánchez quen, só ante Canedo, dispara moi alto quizais prexudicado polo bote do balón.
De novo Kevin métese entre os centrais do Bergantiños pero non pode precisar o seu remate na frontal da área pequena, obstaculizado polos defensores rojillos.
"Saímos ben. Tivemos 2 ou 3 ao espazo de Kevin que ou non eliximos ben ou non acertamos", apuntou o preparador fabrilista.
Respondeu o conxunto carballés cun remate de Pachón que se estrelou no pau esquerdo da meta de Alberto. Era o primeiro achegamento visitante á área fabrilista.
No outro área, ao cuarto de hora Kensly recibe en profundidade de Bastos e remata moi alto ante Alberto.
As oportunidades sucedíanse nas dúas áreas. Mane, que xogou no carril dereito, centrou á área. Kevin non chega ao remate pero o balón márchase axustado ao pau dereito da meta do Bergantiños CF.
Aos 20 minutos, Mane vaise de Tijan e o seu centro, moi perigoso, non atopa rematador. Luisao recolleu na outra banda e volveu meter o balón na área, directamente ás mans do meta Canedo.
Os carballeses creaban perigo a balón parado, unha das súas armas fortes tal e como sucedeu no partido da primeira volta nas Eiroas, cos seus dous goles en accións de estratexia.
Aos 28 minutos, nunha falta lateral, Kensly cabecea ao traveseiro da portería de Alberto.
"Sufrimos moito no balón parado", advertiu o técnico fabrilista, que lembrou os goles do Bergantiños CF nas accións de estratexia: 12 no que vai de liga, todos de saques de esquina, "deles 2 a nós na primeira volta".
Aos 31 minutos adiántase o Fabril. Alfaro recibe de Manu Ferreiro e mete en profundidade a Luisao, que bate a Canedo cun chute a media altura.
Pouco despois, cun Fabril lanzado, Manu Ferreiro en banda esquerda centra raso á área e Kevin non pode precisar o seu remate, que se marcha lixeiramente desviado.
Na recta final da primeira metade, Carreira proba fortuna desde a frontal da área cun disparo que se vai alto.
A última foi, como non a balón parado, para o Bergantiños CF. Remeseiro lanza un saque de esquina e Bastos, entrando desde atrás, remata co corpo lixeiramente desviado.
Con vitoria do Fabril chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, Manuel Pablo viuse obrigado a realizar o primeiro cambio.
Mane, rengueante por unha caída en posición forzada, deixa o seu posto a Fabi.
A primeira da segunda parte foi para o Bergantiños CF, que arrincou mellor. "Modificaron na segunda parte. Empezáronnos a atopar espazos por dentro. Co cambio que fixeron custounos un pouco", recoñeceu Manuel Pablo.
Tiago márchase de Alfaro e Carreira e o seu remate raso márchase axustado ao pau esquerdo da meta de Alberto.
Antañón, no 53, cóase na área por banda dereita e o seu chute sácao Alberto a saque de esquina nunha boa parada.
Aos poucos foise sacudindo o dominio un Fabril que aumentou a súa renda practicamente na súa primeira chegada.
Corría o minuto 63 cando Carreira lanza a Kevin en profundidade, este mete a Fabi, que cede a Alfaro. O mediocentro, un dos goleadores nesta segunda volta, recorta ao seu par e bate a Canedo nun tiro raso axustado.
Con esta vantaxe no marcador o Fabril tratou de ir deixando pasar os minutos tapando as vías de entrada á área de Alberto.
"Aproveitamos ese segundo gol para estar un pouco máis afastados. Dentro dese dominio deles tivemos situacións para correr e poder facer algunha ocasión máis. Non o fixemos", lamentouse.
O Bergan recorta difefencias grazas a un gol de Pachón no minuto 80. Recolle un balón rexeitado na frontal da área e coloca o balón raso lonxe do alcance de Alberto.
"Até o final estiveron aí. Nós tivemos moito desgaste no partido ao presionar. Foi un partido bonito para a xente", resumiu Manuel Pablo un partido que acabou sen máis sobresaltos nas dúas porterías.
O vindeiro sábado 12 de abril, a Fabril visita á UD Llanera.
Fabril: Alberto, Mardones (Samu, min. 62), Damián Canedo, Marotías, Íker Vidal, Carreira, Alfaro (Kike Fernández, min. 81), Mane (Fabi, min. 46), Manu Ferreiro, Luisao (Darío Germil, min. 70) e Kevin (Dipanda, min. 81)
Bergantiños CF: Canedo, Bastos, Iago, Moreno, Tijan (Sergi, min. 78), Uzal (Álex Lorenzo, min. 75), Reme (Ramos, min. 75), Tiago, Antañón (Currás, min. 66), Pachón e Kensly (Pablo Trigo, min. 66)
Árbitro: Juan Carlos Valero Barrales, do comité madrileño. Amoestou a Kensly (min. 6), Damián Canedo (min. 27), Tijan (min. 40), Tiago (min. 49) e Kevin Sánchez (min. 67)
Goles: 1-0 Luisao (min. 31); 2-0 Alfaro (min. 63); 2-1 Pachón (min. 80)
Incidencias: partido correspondente á 30ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación presenciado por varios futbolistas do primeiro equipo como Villares, Mella, Yeremay ou Mario Soriano.