Un Dépor que quere "pór todo nestes dous últimos meses" e Cádiz CF cítanse igualados a puntos este domingo 6 en ABANCA-RIAZOR
Dépor e Cádiz CF enfróntanse mañá domingo 6 de abril ás 21:00 horas en ABANCA-RIAZOR (LaLiga TV Hypermotion e #Vamos) en partido correspondente á 34ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Óscar Gilsanz asegurou na rolda de prensa previa que o equipo "non está para nada incómodo en ABANCA-RIAZOR. Todo o contrario. Os futbolistas están a desexar sempre xogar como locais. Notamos a calor de #ANOSAFORZA e aí o xogador está cómodo".
Ambos os equipos chegan empatados a 45 puntos na zona media da clasificación.
O adestrador deportivista pediu onte "pór todo nestes dous últimos meses". Recorreu a un símil ciclista e apuntou que "no esprint final tes que pedalear ao máximo. Estás na recta final".
Son baixa por lesión Escudero, Gauto, Obrador e Ximo Navarro.
Os Nosos, ademais do xuvenil Mario Hermo, realizaron esta mañá unha última sesión de adestramento no campo 3 de Abegondo, consistente nunha activación con rondos, un repaso ao plan de partido e un ensaio de accións a balón parado.
Dani Barcia retirouse antes aos vestiarios cunha molestia no recto anterior, pendente de avaliación médica.
Pola súa banda, o Cádiz CF dos ex deportivistas Gaizka Garitano e Carlos Fernández chega a ABANCA-RIAZOR após empatar (0-0) o pasado luns no Nuevo Mirandilla coa SD Eibar.
"En calquera xogada, en calquera acción ten futbolistas capaces de desnivelar o partido por tanto hai que estar concentrados e atentos", advertiu o preparador deportivista dos gaditanos.
No partido da primeira volta disputado o 1 de decembro venceron os branquiazuis por 2-4, con goles de Lucas -3- e Kovacevic en propia meta.
Lonxe de Cádiz esta temporada os 'amarelos' gañaron ao CD Castellón (1-3), FC Cartagena (1-2), CD Eldense (1-4), Real Racing Club (2-3) e Málaga CF (0-2); empataron co Levante UD (1-1), CD Mirandés (2-2), Granada CF (0-0), UD Almería (1-1) e Real Zaragoza (0-0); e perderon coa SD Huesca (3-1), SD Eibar (1-0), Sporting de Gijón (2-0), Elche CF (2-1), Albacete Balompié (3-0) e CD Tenerife (2-1).
Gaizka Garitano apunta que "todos os partidos son complicados e fóra de casa máis" e advirte que o Dépor "vén dunha xeira moi boa. Leva tempo sen perder".
Pide aos seus futbolistas "a nivel competitivo facer 90 minutos bos. Non dominar porque fóra de casa o equipo rival ten o seu nivel e a súa calidade, neste caso os xogadores ofensivos do Dépor teñen moitísimo nivel, pero necesitaremos unha boa versión nosa".
Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o luns 7 de abril ás 11:00 en Abegondo.