Celestino Ledo, xogador deportivista na temporada 1954-55, faleceu aos 89 anos
Celestino Ledo López (Xermade, Lugo, 22 de novembro de 1934), xogador do Deportivo na temporada 1954-55, faleceu hoxe martes aos 89 anos de idade.
Ledo subiu ao Deportivo procedente do CD Xuvenil, entón filial deportivista, que lograra o curso anterior un histórico ascenso a Segunda División. Aquela campaña, Eduardo Toba, técnico branquiazul, recorreu con asiduidade ao segundo equipo, do que tamén se incorporaron Lexo, Manín e Tino.
Ledo unicamente disputou un partido oficial co primeiro equipo deportivista. Foi na 11ª xornada de Primeira División, en Riazor fronte ao Athletic Club de Bilbao, o 21 de novembro de 1954. O Deportivo formou con Otero; Goberna, Zubieta, Tomás; Celma, Juananco; Corcuera, Arsenio, Bazán, Ledo e Tino. Os branquiazuis adiantáronse cun gol de Bazán e o equipo branquivermello empatou por medio de Arieta, para establecer antes do descanso o 1-1 que resultaría definitivo.
Após xogar algún amigable de pretemporada, en setembro de 1955 foi cedido ao Racing de Ferrol. Após regresar no verán de 1956, en novembro daquel ano volveu saír ao Racing de Ferrol, esta vez xa desvinculado do Deportivo.
O RC Deportivo quere mostrar o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos e ex compañeiros. DEP.