Vegazo, extremo deportivista a mediados dos anos 50, faleceu aos 90 anos
Manuel Vegazo Bermejo (Ávila, 3 de setembro de 1933), dianteiro deportivista a mediados dos anos 50, faleceu o pasado martes 12 de marzo en Las Palmas de Gran Canaria aos 90 anos de idade.
Vegazo iniciou a súa carreira no Español SD de Santa Lucía, co que se proclamou campión da Segunda División de modestos na temporada 1952-53. Ao comezo do curso 1953-54 fichou polo CD Xuvenil, filial deportivista, que ao final desa campaña logrou un histórico ascenso á Segunda División nacional.
Co CD Xuvenil disputou 21 encontros e marcou 6 goles na única campaña do equipo na división de prata, a 1954-55. O servizo militar obrigoulle a ser cedido ao Real Zaragoza unha temporada, trala que regresou para pasar ao primeiro equipo deportivista, durante os cursos 1956-57 e 1957-58. O primeiro deles foi o do descenso a Segunda División após case unha década consecutiva na máxima categoría. Vegazo só disputou 1 encontro de Liga e outro de Copa, sendo o seu debut o 20 de xaneiro de 1957 na 19ª xornada do campionato en San Mamés, con derrota ante o Athletic Club (2-0).
Ao curso seguinte, o extremo dereito abulense disputou 10 encontros (8 en Liga e os 2 da dramática promoción de permanencia en Segunda ante o CD Ourense), para totalizar 12 presenzas e 1 gol nas súas dúas campañas como deportivista.
Posteriormente, Vegazo militou media temporada novamente no CD Xuvenil, campaña e media no Racing Club de Ferrol e 7 cursos na UD Las Palmas, coa que puido xogar 34 partidos en Primeira División entre 1964 e 1967.
O RC Deportivo quere mostrar o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos e ex compañeiros. DEP.